O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, invitou esta mañá á Autoridade Portuaria de Ferrol a unirse ao apoio á creación en Ferrol do polo de I+D en enerxías renovables maiñas e almacenamento. O rexedor explicou que o porto ferrolán forma parte do ecosistema industrial relacionado co sector e, nese senso, puxo como exemplos a ensamblaxe de estruturas eólicas mariñas nas súas instalacións e o proxecto de Nervión en Caneliñas.
Mato lembrou que o Concello xa se ofreceu a ceder espazos municipais se fose necesario e que o Porto debería facer o mesmo para garantir que o polo se quede en Ferrol. “Ese ten que ser o obxectivo común de todas as institucións e organizacións da cidade”, asegurou. O rexedor destacou que a Autoridade Portuaria recuperou a titularidade do antigo edificio da Cámara no porto exterior, tras a disolución da entidade no 2015. Dende o pasado verán dispón dun proxecto para rematar esas instalacións e convertelas nun edificio de usos múltiples para a comunidade portuaria, con 3.000 metros cadrados destinados a oficinas, salas de reunións e servizos comúns, entre outras posibilidades. Nese proxecto, que se prevé executar ao longo do 2023, “podería encaixar perfectamente o polo de I+D”, propuxo o alcalde de Ferrol.
Mato xa manifestara en varias ocasións ao longo dos últimos días que o polo que se vai crear no marco do Fondo de Transición Xusta “ten que estar obrigatoriamente aquí, na cidade, porque Ferrol é o centro dunha comarca que xa está a liderar a industria da eólica mariña e que tamén ten en marcha ambiciosos proxectos relacionados co hidróxeno verde”. De feito, foi o propio Goberno galego o que incluíu entre as súas iniciativas para a comarca este polo cando en xaneiro celebrou en Ferrol o Consello da Xunta, entón presidido por Feijoo. Na actualidade o goberno local está a traballar na redacción dunha declaración institucional en defensa da instalación do polo de I+D en Ferrol que conte co apoio de todos os grupos municipais.