Mato urxe ao Sergas e á xerencia do Cardona a renovar o concerto para non prexudicar aos traballadores sanitarios

Desde o hospital lembran que a crise do Covid cancelou toda a actividade que tiñan programada da sanidade pública e supuxo "importantes perdas económicas"

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, mostrou esta mañá o seu apoio aos traballadores de hospital Juan Cardona, tralo anuncio de xerencia de suspenderlles un dos pluses duns 200 euros mensuais. O rexedor considera que “a Xunta non pode ser allea” á situación do centro ferrolán e pediulle ao Goberno galego “que busque solucións”.

Mato lembrou que en Ferrol a epidemia de Covid-19 “estivo controlada en todo momento gracias á labor do persoal sanitario”, polo que “non lle podemos aplaudir primeiro e despois abandonalo á súa sorte”. Independentemente do seu compromiso coa sanidade pública, dixo o alcalde ferrolán, “non podo permanecer impasible ante a situación que sofren máis de trescentos traballadores do Juan Cardona”,

É “urxente”, remarcou, que a Administración autonómica, xunto coa xerencia do centro, busque unha solución “na que non esqueza as condicións do persoal sanitario” que traballa nel. O alcalde avanzou tamén que ten intención de convocar a unha xuntanza no Concello ao comité de empresa do centro hospitalario para que lles poida explicar o problema polo miúdo a todos os voceiros dos grupos municipais, coa intención de a reunión sirva para axudar a atopar un acordo que evite o deterioro das condicións laborais dos sanitarios do Juan Cardona.

O Cardona acusa ao Sergas de pasividade

Desde a xerencia do hospital Juan Cardona de Ferrol explicaron onte que se tentou negociar no último ano as condicións do concerto que mantén co Sergas. Os responsables do centro sanitario ferrolán lamentan que o Sergas non atendese ata o momento a súa demanda e explican que o concerto foi denunciado no mes de novembro, con vistas a ter negociado e asinado un novo antes da conclusión da súa vixencia (o 31 de marzo do presente ano), pero que o Sergas postergou esa negociación a pesar das múltiples peticións feitas desde o hospital.

A Dirección do centro sanitario confía en que “a pasividade negociadora do Sergas dos últimos meses cambie, e poidan concluírse canto antes as negociacións do novo concerto”. A situación, ademais, agravouse polos problemas ocasionados pola crise da Covid-19, a cal provocou a cancelación do groso da actividade derivada desde o servizo público durante os meses nos que se prolongou a epidemia. A pesar deste feito, fontes do Juan Cardona lembran que, “durante todo este tempo, os traballadores mantiveron os seus postos de traballo, a pesar de que nalgúns servizos a actividade chegou a cesar completamente”.

“A baixa actividade derivada dos últimos meses, sumada ás tarifas actuais, fan que o resultado económico
sexa negativo”, apuntan desde o hospital. Para afrontar esta crise, nos próximos días comezará un período de consultas coa representación dos traballadores do hospital, co fin de tratar diferentes medidas laborais que permitan paliar as perdas económicas existentes e preservar a viabilidade do hospital.

Salir de la versión móvil