Máis de medio centenar de maiores da cidade gozan xa cada luns do programa de envellecemento activo e socialización impulsado polo Concello de Ferrol, que se celebra cada luns, mañá e tarde, desde o mes de outubro no centro social da rúa Río Xubia. Ademais de actividades de estimulación mental, xogos e andainas, o programa inclúe un evento especial ao mes, e onte se celebrou o correspondente ao mes decembro cunha festa por Nadal e fin de ano. Os asistentes adornaron o local como traballo grupal, lanzaron os seus desexos para 2023 e fixeron un brindis con champán e froitos secos.
A cifra de participantes no programa municipal de cada luns va en constante aumento desde a posta en marcha da iniciativa. “Percibimos un crecente interese do colectivo dos maiores polas actividades que estamos desenvolvendo neste local municipal”, apuntou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.
O horario das actividades dos luns é de 10.30 a 13.30 horas e de 17:00 a 20:00 horas. As mañás dedícanse ás camiñadas, que comezaron durando unha hora e agora ás veces prolónganse ata dúas. Dan saída desde o propio local de maiores e se desenvolven pola cidade cunha participación de unhas 15 persoas, entre as que están dúas de máis de 90 anos. Á volta ao centro levan a cabo xogos cognitivos para fomentar o equipo.
No que se refire ás tardes, a media de participación do grupo increméntase ata as 25-28 persoas. Os xogos diversos centran a actividade: cálculo, atención, creatividade, praxe, linguaxe, concentración ou de memoria. Ademais, a final de mes, sempre se celebra unha actividade con festa. Así, en outubro foi o magosto, en novembro unha charla sobre igualdade pola conmemoración do 25N e agora en decembro a festa de Nadal e fin de ano.
Chocolate con churros
A concelleira informou que durante estas datas festivas se ofrecerán dúas Merendas de Nadal de balde, os días 23 e 30 de decembro, en colaboración con Famyc, para persoas que viven soas a base de chocolate e churros. Será de 17:00 a 19:00 horas no local social da rúa Río Xubia. Cada xornada contará cun total de 60 prazas para maiores de 65 anos empadroados en Ferrol e os interesados poden anotarse no número de teléfono 981 35 22 77.
O 9 de xaneiro retomaranse as actividades dos luns aínda que o centro abre igual, xa que hai conserxe de luns a venres. As persoas maiores interesadas en participar no programa municipal que se desenvolve cada luns poden facelo no mesmo local cada luns, de 10.30 a 13.30 horas e de 17:00 a 20:00 horas, ou entre diario facilitando os seus datos ao conserxe.