Microteatro, música e un ciclo de charlas no 8M ferrolán

O Teatro Jofre acollerá o vernes día 6 a gala institucional polo Día da Muller

O Concello de Ferrol deu a coñecer os actos programados polo goberno local para celebrar o 8M, Día da Muller, baixo o lema “Por todas, é tempo das mulleres”.

A edil de Igualdade e Muller, Cristina Prados, anunciou que o día 6 de marzo celebrarase ás 11.30 horas no monumento de Concepción Arenal a Pérgola do recordo, unha plantación dunha roseira por cada unha das mulleres asasinadas no que vai de ano. Pouco tempo despois, ás 11.50 horas, colocarase a bandeira feminista no balcón do Teatro Jofre.

Pola tarde, ás 20.00 horas, o Teatro Jofre acollerá a XII gala institucional polo Día da Muller, na que se entregará un galardón á oftalmóloga Lola Álvarez Díaz. Na gala representarase o microteatro “Isto tráeme recordos dos meus vermes de seda”, de Helga Méndez, e actuará a artista galega Guadi Galego, quen o 14 de marzo recibirá o galardón Muller da Vila de Cedeira. As entradas para acudir á gala son gratuítas e poderán retirarse no despacho de billetes do teatro a partir do venres 28 de febreiro.

O día 7 achegarase a celebración á cidadanía co espectáculo de animación “As Violetas” nas carpas instaladas no Cruceiro de Canido, no centro cívico de Caranza, na Praza de Ultramar, na Praza Vella, na Praza de España e en Esteiro. As actuacións terán lugar pola mañá, de 12.00 a 14.00 horas, e pola tarde, de 17.00 a 21.00 horas. Ese mesmo día, ás cinco da tarde, celebrarase o concerto “Por todas, é tempo das mulleres” na Praza de Amboaxe coa actuación do cuarteto de corda Aquelas e a rondalla Só Elas.

Contra ás 19.00 horas, comezará no Antigo Hospicio o ciclo de charlas Mulleres e Sociedade coa colaboración da asociación Fuco Buxán. A primeira será sobre Muller e Comunicación. Ao longo dos próximo meses celebraranse tres máis sobre Xustiza Patriarcal, Urbanismo Feminista e Economía e Xénero.

Por último, a concelleira anunciou que tamén está prevista a inauguración da sala Concepción Arenal na Casa da Muller, na que se colgarán ilustracións de seis mulleres relevantes: Ángeles Alvariño, Ángela Ruíz Robles, Amada García, Hildegard, Antonia Alarcón e Concepción Arenal. Ao longo do presente ano a nova sala acollerá charlas sobre a vida e obra de ditas mulleres.

Relacionado:

Salir de la versión móvil