A concelleira de Obras de Forrol, Ana Lamas, comprobou os traballos que se están executando na estrada Catabois-Mandiá para dotala dunha nova capa de aglomerado. Esta actuación, “moi necesaria porque se trata dunha vía que soporta gran cantidade de tráfico”, dixo a edil, estase acometendo dende o cruce coa AC-116 e afecta a un tramo de 1,457 quilómetros, nos que se aplica pavimento asfáltico realizado cunha mestura bituminosa continua en quente. O seu espesor é de seis centímetros. A superficie total que se vai cubrir é de 7.214 metros cadrados.
Previamente, levouse a cabo un traballo de adecuación e posta a nivel da capa de rodaxe coa reparación de fochas e con fresados en varios puntos nos que foi necesario, dado que a vía presentaba numerosos danos.
A empresa que leva a cabo os traballos, adxudicados por 72.232 euros (IVE incluído), ten previsto concluír esta primeira fase ao longo da presente semana. Despois de rematar co aglomerado, procederá coa posta das tapas dos pozos e as arquetas de abastecemento e saneamento á nova cota, e a continuación, coa sinalización. A vertical consistirá na disposición de sinais de aceiro galvanizado de 90 centímetros de altura con retrorreflectancia. As horizontais serán marcas continuas retrorreflectantes en seco, de 15 centímetros de anchura, compostas por unha mestura de pintura acrílica de cor branca e microesferas de vidro.