O bosque fósil de Ponzos, de novo ao descuberto polo mar de fondo

Desde a Sociedade Cultural Columba advertiron que este ano algúns troncos estaban sendo arrancados do solo marino

A praia de Ponzos volve a deixar á vista a súa riqueza arqueolóxica oculta baixo a area e con miles de anos de antigüidade. Os restos do bosque fósil que se descubriu no ano 2009 volvéronse a ver estes días polo efecto das intensas mareas das últimas semanas, algo máis propio do inverno.

Desde a Sociedade Columba explicaron que este ano o mar está a arrincar pedazos do resto do bosque carbonizado, botandoos na cabeceira da marea onde ao secar desintegranse e van desaparecendo, chegando un momento no que non poderán recuperarse.

 

Sociedade Cultural Columba

Desde o seu primeiro avistamento en 2009, so foron visibles no ano 2014 e no 2018. Estes troncos formaron parte no seu día dun antigo bosque con entre 10.000 e 100.000 anos de antigüedade, que foi pouco a pouco comido pola subida do nivel do mar, que arrasou a zona arbórea cortando a produción de osíxeno e convertendo en fósil o que no seu día foron bosques, bastante similares aos actuais, con carballos, salgueiros, amieiros, bidueiros e un tipo de piñeiro diferente aos de hoxe en día.

A importancia destes vestixios vén dada en parte pola cantidade de madeira e a súa o gran tamaño, “a mais grande de Galicia”, segundo os investigadores, que cualifican o deposito de Ponzos como “un dos mellores da zona atlántica atopado no últimos vinte anos”.

 

Sociedade Cultural Columba

Outros autores como Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático de xeoloxía da Universidade da Coruña, estima que os restos de Ponzos poden ter unha antigüidade de 5000 anos. Entón o nivel do mar estaba aproximadamente uns 4 ou 5 metros por baixo do actual e todo o que agora son praias e rías (Ferrol, Ares, Betanzos, Coruña) estaban convertidos en bosques que no caso das rías eran ademais fermosos vales fluviais como agora pode ser a Fraga do Eume.

Salir de la versión móvil