O Campus Industrial de Ferrol organiza, o vindeiro venres 4 de novembro, de 09:00 a 15.00 horas, o Forum de Emprego FESTEM no que participan preto de 20 empresas do ámbito da enxeñaría de distintos puntos de Galicia tales como Reganosa, Jealsa, Gefico, Finsa, Televés, Galopín, Ghenova Ingenieros, ECOMMT, Nordés, Acebrón, CT Ingenieros, Norvento, Enxería, Cetus Group, Instra Ingenieros, ASCEGA Emprendedores de Galicia, Armaduras Metálicas San Juan e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia -Cluergal-.
Co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade, o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e calquera outra persoa interesada poderá visitar os stands das empresas participantes nunha carpa situada entre a escola, a Igrexa Parroquial de Esteiro e o Centro Cultural Universitario. Este será un espazo de encontro no que terán a oportunidade de coñecer máis polo miúdo ás empresas, entregar o seu currículo vitae e participar en simulacros de entrevistas por videoconferencia.
A maiores, o Forum de Emprego FESTEM ten programados seis obradoiros formativos dirixidos a toda a comunidade universitaria no Campus Industrial de Ferrol. Ao longo da xornada, o Salón de Actos Concepción Arenal acollerá cadanseu obradoiro destinado a coñecer mellor o mercado laboral STEM, a descubrir que buscan exactamente as empresas nun candidato ou candidata, a aprender as xestionar correctamente un perfil de LinkedIn, a explorar a vía do emprendemento, a preparar unha entrevista ou a deseñar un currículo vitae efectivo. Todos eles, poderán seguirse en directo a través da canle de YouTube do Campus Industrial de Ferrol.
Discussion about this post