O Concello de Ferrol reabre mañá, 23 de xuño, o centro cultural Torrente Ballester coa exposición Eau de femme, comisariada pola artista Dulce Anca e deseñada expresamente para a sala ferrolá. A través dos olores e as sensacións da figura da muller, máis de 30 artistas mostrarán a súa visión do mundo feminino mediante diferentes artes plásticas, como escultura, pintura, fotografía dixital, instalacións e pancartas, entre outras.
A mostra busca poñer de manifesto que a participación do olfacto na experiencia estética pon de relevo a natureza da estética baseada nos sentidos. Os propios olores, as esencias, poden chamar a nosa atención sobre o paso do tempo e a fugacidade da beleza, por exemplo, e Eau de femme fai fincapé en todas esas sensacións.
Entre os artistas que expoñerán as súas obras no centro cultural Torrente Ballester ata o 18 de outubro están María José Leira, María Xesús Arias, Daniel Caxigueiro, Gonzalo Pérez del Castillo, María Rivero, Isabel Pintado Palacio, María Xosé Díaz Rey, Mónica Fernández, Iván Prieto Diéguez, Noemí Lorenzo, Manoel Bonabal, Idoia Cuesta Alonso, Soledad Penalta, Luz Darriba, Pablo Orza, Dolores Villaverde, Ruth Lodeiro, Reina D’hoore, Gosia Trebacz, Lupe Vázquez, Luisa Valdes Aguirre, Victoria Rivadulla Conde, Xurxo Gómez Chao, Mieke Bal, Michelle Williams Gamaker, Jesús Otero Yglesias, Víctor García Novas, Dulce Anca, Gascón, Carolina Bouza e Nuria Ruibal.
O centro estará aberto ao público en horario de verán de martes a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas. Domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas e os luns permanecerá pechado.