O Centro de Linguas da Universidade da UDC oferta este verán máis de trinta cursos en liña

O próximo 18 de xuño haberá unha proba para acreditar o nivel B1 de inglés, obrigatorio para cursar o grao de Xestión de Moda

O Centro de Linguas da Universidade da Coruña, no campus de Ferrol, ten programados máis de 30 cursos de formación para este verán. Ademais de ampliar e diversificar a súa oferta con respecto a edicións anteriores, esta será a primeira vez que a totalidade dos cursos ofertados se imparta integramente en liña. Con esta medida, a UDC quere garantirlle ao seu alumnado e ao público en xeral interesado unha formación accesible e de calidade logo das dificultades derivadas da pandemia da COVID-19.

A oferta presentada polo Centro de Linguas para os meses de xuño, xullo e agosto inclúe diversos cursos de iniciación, nivel intermedio e avanzado de inglés, francés, alemán, portugués e italiano. A proposta formativa conta tamén con cursos de reforzo para adquirir determinadas competencias nestas linguas ou para preparar exames de certificación e mais de conversa.

Como novidade, tamén se inclúe un curso de iniciación ao alemán empresarial, un de portugués empresarial e outro de inglés no eido legal. Destaca tamén o curso de Italiano para a Xestión de Moda, unha formación pensada para o alumnado do Grao en Xestión Industrial da Moda que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol.

Tarifas reducidas

Os antigos alumnos e alumnas do Centro de Linguas, a comunidade da Universidade da Coruña (estudantado, PDI e PAS), a comunidade da Fundación Universidade da Coruña (FUAC) e o alumnado da Universidade Sénior da UDC terán un desconto do 15%, xa incluído no prezo, en cada un dos cursos nos que se matriculen.

Pola súa banda, o público xeral poderá acollerse un desconto do 10% se se matricula conxuntamente un grupo de catro persoas. Un desconto do 50% sobre o de menor prezo se se matricula en dous cursos de verán. E aquelas persoas que se matriculen nun curso de 60 horas poderán sumarse de xeito gratuíto a un curso de iniciación ao alemán ou ao francés.

Acreditación para o grado de Xestión de Moda

O vindeiro 18 de xuño, ás 10:00 horas, o Centro de Linguas da Universidade da Coruña organiza unha proba en liña para acreditar un nivel B1 de inglés. Avaliaranse as competencias lingüísticas básicas: comprensión oral e escrita, produción escrita e produción e interacción oral. O certificado obtido será válido para acreditar o nivel B1 de inglés na Universidade da Coruña e no resto das universidades galegas. O prazo de inscrición estará aberto ata o 14 de xuño. As taxas de matrícula ascenden a 30 euros.

A esta proba en liña poderá acceder tamén todo aquel estudantado interesado en cursar o Grao en Xestión Industrial da Moda xa que precisa acreditar un nivel B1 de inglés para ser admitido. O correspondente certificado poderá achegarse ata o 19 de xullo a través da páxina web da titulación (gradoindustrialmoda.udc.gal).

O Grao en Xestión Industrial da Moda é o único grao multilingüe (inglés, castelán e galego) do Sistema Universitario Galego. Impártese desde o curso 2018/19 na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol e oferta un total de 50 prazas.

Salir de la versión móvil