O CHUF valorou un total de 1.391 tumores de mama ao longo do pasado ano 2019

Na Área Sanitaria de Ferrol, existe un Comité de Mama dende o ano 2003; e, tamén, unha vía rápida para a atención a este tipo de cancro que atendía 341 casos no pasado ano 2019

O Comité de Tumores de Mama do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol valorou, durante o pasado ano 2019, un total de 1.391 casos de cancro de mama. Ademais, incluíu un total de 341 casos na Vía Rápida do Cancro de Mama que existe na Área Sanitaria para a atención organizada e multidisplinar da persoa con sospeita de cancro de mama. No Día Mundial do Cancro de Mama, que se celebra hoxe, a Área Sanitaria de Ferrol súmase lembrando a importancia da autoexploración e da prevención.

Na Área Sanitaria de Ferrol, existe o citado Comité de Tumores Mama multidisciplinar dende o ano 2003, no que profesionais de distintas disciplinas traballan conxuntamente para poder dar unha resposta a esta patoloxía, e valoran cada caso conxuntamente. Nos últimos cinco anos, foise incrementando considerablemente o número de persoas valoradas, xa que que pasou das 791 persoas valoradas no ano 2015, ós 1.391 casos citados do pasado ano 2019. O esforzo dos profesionais na detección de casos que requiren atención con maior celeridade, o cribado preventivo e introdución das vías rápidas son algúns dos factores que contribúen a este incremento.

Vía rápida de cancro de mama

Cabe lembrar que unha vía rápida é un circuíto asistencial onde se establecen unha serie de criterios de inclusión para pacientes con sospeita dun posible cancro. A finalidade é que o tempo que transcorra entre o diagnóstico de sospeita e a primeira actividade terapéutica non sexa superior ós 30 días. A clave destas vías rápidas é a coordinación e o traballo en equipos multidisciplinares dos profesionais da Área implicados nestas patoloxías.

Conséguense melloras no que respecta ós tempos de resposta e evítase a duplicidade de probas ou actividades redundantes. A activación dunha vía rápida é factible grazas ó esforzo de coordinación e integración dos e das profesionais ferrolás nestes ámbitos.

Técnicas específicas

O Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorporaba hai tres anos unha técnica na Patoloxía Mamaria, a Biopsia Asistida por Vacío mediante ecografía. Coa Biopsia extráese tecido da mama. A diferenza da Biopsia Asistida con Agulla Grosa, que emprega o corte como método de obtención da mostra, a Biopsia Asistida por Vacío mediante ecografía permite a obtención de mostras de maior tamaño polo seu sistema de aspiración.

Este aspecto é importante xa que a tendencia nesta área da patoloxía é extirpar xa lesións cando é necesario, ou saber a que tipo de lesión se enfronta o cirurxián cara a planificación do proceso cirúrxico. En canto á tecnoloxía coa que conta a área, a nova Resonancia Magnética melloraba a calidade dos estudos. Ademais, nos últimos anos téñense incorporado dous novos mamógrafos.

 

 

Salir de la versión móvil