O Club de Prensa de Ferrol convoca a 31ª Edición do certame de “Galicia en Foco”

Coas fotos e foto-reportaxes seleccionadas montarase unha exposición que terá carácter itinerante por diversas cidades e vilas de Galicia

Cartel promocional de esta 31 edición | CLUB DE PRENSA DE FERROL

Club de Prensa de Ferrol convoca a 31ª edición do certame Galicia en Foco para elixir a Foto ou Foto-reportaxe do Ano 2021 entre aquelas imaxes que foran publicadas nos medios de comunicación ao longo do ano 2021. Coas fotos e foto-reportaxes seleccionadas montarase unha exposición que terá carácter itinerante por diversas cidades e vilas de Galicia e elaborarase un catálogo para dar a coñecer e difundir a obra seleccionada entre as fotos presentadas.

Poderán concorrer os foto-xornalistas cun traballo de tema galego ou relacionado con Galicia. As fotografías deberán estar publicadas en medios de comunicación —papel ou dixital— de cabeceiras recoñecidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.

Créanse dous apartados de participación —Foto do Ano e Foto-reportaxe do Ano—,podendo concorrer so a un, para un único premio, de 1.000 euros.

Cada fotografía enviarase coa súa ficha individual debidamente cuberta que se poderá descargar neste enlace da web do Club de Prensa de Ferrol, onde figuran as bases que rexen o presente certame.

Club de Prensa de Ferrol poderá utilizar as obras para os fins previstos neste certame, así como nas súas publicacións e nunha exposición e un catálogo que reúna as obras seleccionadas entre as presentadas. Resérvase os dereitos de reprodución gráfica das obras premiadas, que poderán ser difundidas a través da súa páxina web e calquera outro medio publicado por esta institución, así como nas redes sociais. O prazo de recepción remata o día 30 de xullo de 2022 ás 14.00 horas.

Salir de la versión móvil