O Concello de Ferrol vén de presentar aos representantes do comercio e da hostalaría local as principais liñas de actuación do programa «Ferrol Cidade Viva». Unha iniciativa impulsada polo departamento de Economía e Emprego e que pretende ofrecer ferramentas que potencien a “sustentabilidade dos negocios e reactiven a actividade económica da cidade”. O obxectivo, insistiron desde o goberno socialista, «facer unha firme aposta polo comercio de proximidade e xerar valor engadido aos negocios ao tempo que se apoia aos emprendedores na súa adaptación á nova situación”.
O novo plan inclúe nove sesións formativas que se impartirán martes e xoves desde o 30 de xuño ata o 15 de xullo e que os participantes poderán seleccionar entre ao redor de 12 en función das súas necesidades e intereses. De forma paralela recibirán asesoramento personalizado “co fin de potenciar os aspectos que sexan máis relevantes para eles. Queremos axudarlles a obter o máximo rendemento dos seus negocios, e para elo terán acompañamento individualizado”, explicou a concelleira de Promoción Económica.
No mes de setembro continuarase coa formación e asesoramento e poñerse en marcha a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción do noso comercio local co obxectivo de incentivar as compras e captar clientes”. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e incentivarase especialmente as ventas cruzadas.
Unha app do comercio local
O programa co que o Concello pretender darlle impulso ao comercio local non deixa de lado os recursos dixitais. Na posta en marcha da gran promoción dos negocios da cidade contarase cunha app que terá dobre uso: os emprendedores poderán coñecer mellor aos seus clientes e estes contarán cunha ferramenta na que consultar descontos dos establecementos, sorteos, premios, incentivos ás ventas cruzadas e incluso os puntos acumulados para beneficiarse de promocións co fin de incentivar o consumo. O cliente poderá acceder a ela a través dun código QR que estará exposto nos establecementos.
Captación porta a porta
O plan posto en marcha polo Concello inicia a súa primeira acción o próximo luns, 22 de xuño, coa captación de emprendedores locais a través de chamadas telefónicas aos establecementos. “A nosa vontade”, explicou a edil de Economía e Emprego María Teresa Deus, “é involucrar ao máximo número de negocios, queremos que este programa sexa o máis participativo posible para obter os mellores resultados para a cidade”. Nesta liña, a concelleira trasladou que o seu departamento “escoitará todas e cada unha das propostas que cheguen dos comerciantes e hostaleiros, é fundamental contar coas súas impresións e xa estamos estudando diferentes suxerencias”.
Os comerciantes interesados en sumarse a este proxecto aínda poden enviar un correo electrónico a [email protected] e os responsables do plan poñeranse en contacto con eles. O programa “Ferrol Cidade Viva” inclúe tamén unha “intensa” campaña de comunicación co fin de “sensibilizar aos veciños da comarca da importancia de apoiar o comercio e a hostalería de proximidade”.