O persoal sanitario que loita contra a Covid-19 recibirá do Concello o recoñecemento de Ferrolán do Ano. Será durante a tradicional cerimonia do Día de San Xiao no Teatro Jofre, aínda que este ano o acto contará cunha asistencia moi reducida para garantir a seguridade.
Segundo informou hoxe en rolda de prensa o portavoz do goberno local, Julián Reina, a Xunta de Voceiros adoitou este acordo nunha reunión celebrada esta mañá, na que tamén se decidiu non conceder nesta ocasión as medallas de ouro da cidade, co dobre obxectivo de adaptar a entrega do premio ás actuais circunstancias de pandemia e de centrar a homenaxe de Ferrol no colectivo que está atendendo máis en primeira liña a emerxencia sanitaria.
Distinguilos co título de Ferrolán do Ano é “unha cuestión de xustiza, e así coincidimos todos os grupos políticos”, dixo Reina, que incidiu en que o Concello vai organizar unha cerimonia “moi sinxela” para o próximo 7 de xaneiro. O concelleiro asegurou que, de todas formas, ese evento estará condicionado tamén á evolución da epidemia, polo que podería sufrir modificacións en función da situación sanitaria e a normativa sobre a covid.