O Concello de Ferrol aumenta en 7.000 euros a axuda á escolarización para o próximo curso

No ano anterior a concellería de Benestar Social destinou 83.000 euros a estas axudas, das que se beneficiaron 848 familias

O Concello de Ferrol quere destinar 90.000 euros ás axudas á escolarización do próximo ano académico, o que supón un incremento de 7.000 euros respecto ao anterior curso a pesar de que dita liña de axudas non se esgotou. Na anterior edición beneficiáronse desta prestación —que concede 95 euros por neno para a adquisición de material escolar, incluído o informático, ou roupa deportiva— un total de
848 familias, cando a partida tiña capacidade para chegar a 873. Dos 83.000 euros que destinou o goberno local á subvención, gastáronse 80.560 euros.

A pesar de que o curso pasado non se esgotou o importe destinado ás axudas á escolarización, as bases da convocatoria que a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez, presentou hoxe á oposición na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventide e Patrimonio Histórico recollen un incremento de 7.000 euros. A partida de 90.000 euros prevé chegar a 947 familias, un centenar máis das beneficiarias do pasado curso.

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez, explicou que dito incremento respecto ao ano pasado responde ao compromiso deste equipo de goberno por “dar resposta ás necesidades escolares do alumnado cuxas familias manifesten estar a ter dificultades económicas que lles impidan facer fronte aos gastos do inicio dun novo curso”, dixo. Neste senso, engadiu a edil, “a Covid-19 está a aumentar as situacións devulnerabilidade na nosa cidade”.

A concelleira tamén presentou hai uns días as bases reguladoras da concesión de becas de comedor escolar para o próximo exercicio. O orzamento destinado a estas becas, que cobren a totalidade do coste das comidas dos escolares, é de 280.000 euros, 12.000 euros máis que no anterior curso académico. Ambas bases deberán ser aprobadas no próximo pleno.

Salir de la versión móvil