O Concello de Ferrol bonificará a taxa de terrazas ata o 31 de agosto

Ademais ampliarase o prazo para solicitar a instalación de mesas un mes máis, ata finais de xuño
DSC_2385

Os establecementos hostaleiros de Ferrol non pagarán a coñecida como taxa de terrazas durante o período comprendido entre o 14 de marzo e o 31 de agosto. Con esta iniciativa, o goberno local busca  «beneficiar economicamente a un sector especialmente golpeado pola crise da covid-19 e do que dependen un gran número de empregos na cidade». A medida será aplicable a todas as terrazas que xa dispoñan de licencia e tamén ás que a obteñan antes do 31 de agosto.

«Con esta proposta, séguense dando pasos en favor do tecido económico da cidade, tras a posibilidade que tiveron moitos negocios de acollerse á tarifa sen actividade para o recibo de Emafesa de marzo-abril, por decreto do alcalde, e da aprobación de axudas directas a autónomos e pequenas empresas por un importe total de dous millóns de euros (Plan de Mellora para a Empregabilidade), para as que aínda está aberto o prazo de solicitude», explicaron desde o goberno local.

Solicitudes en xuño

Tamén esta mañá a Comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación acolleu a proposta de que o prazo para solicitar terrazas temporais de verán se incremente este ano nun mes (remataba o 31 de maio), co obxectivo de darlles máis facilidades aos hostaleiros. Todos os grupos municipais se mostraron de acordo.

Desde o Concello explicaron que se quere traballar con axilidade na ampliación de terrazas en distintos barrios, como xa se ten feito, «con incrementos moi significativos nas mesas autorizadas, para que a redución de ocupación á que se ven obrigados os negocios para garantir a seguridade cause o menor prexuízo posible».

Nas últimas semanas, os técnicos municipais realizaron numerosas visitas aos establecementos para analizar cada caso e asesorar aos responsables dos negocios sobre as posibilidades das que dispoñen para adaptarse ás normas. “Queremos evitar tamén que por falta de información se fagan investimentos que despois non sexan rendibles por non adaptarse á lei”, dixo o concelleiro de Urbanismo Julián Reina.

Relacionadas