A falta xeral de equipos de protección individual (EPI) para facerlle fronte á epidemia do COVID-19, tamén entre os provedores, motivou que por parte do goberno local de Ferrol se intensificasen nos últimos días as xestións para facerse con este material coa intención de facilitarllo aos profesionais que o necesitan
para levar a cabo o seu labor. A Administración local será a encargada de canalizar a recollida de material, que se está a clasificar (e se é necesario, almacenarase) no antigo Hospicio para a inmediata
distribución entre os centros sanitarios atendendo á demanda do Sergas.
Esta fin de semana o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, enviou unha carta á Confederación de Empresarios de Ferrolterra explicando a falta destes equipos que se está a rexistrar entre os profesionais que permanecen en contacto co persoal de risco e lle solicitaba aos empresarios que puxesen ao servizo da administración municipal todo o que tivesen dispoñible, co compromiso de que unha vez finalizada a crise lles será reposto polo Concello.
A resposta por parte do tecido empresarial, “nun momento no que todos debemos colaborar coas autoridades sanitarias en todo o que poidamos”, está a ser “excepcional”, segundo Mato. O rexedor explicou que as prioridades para a distribución destes equipos son, en primeiro lugar, o persoal sanitario do Sergas e do 061; en segundo, o das residencias de maiores, e en terceiro, os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias municipais.
Protocolos de recollida e reparto
A recollida estase canalizando a través de Protección Civil, que segue un estrito protocolo para levar a cabo esta tarefa. Os voluntarios realizan un inventario, do que se deixa unha copia ao doador, e trasládase á sede da agrupación. Alí, nun espazo aséptico e previamente desinfectado, distribúese en lotes unitarios, con todas as medidas de seguridade sanitaria por parte do persoal que leve a cabo este labor.
En cada caixa figurará unha indicación do material que contén. Posteriormente, os lotes serán trasladados ás dependencias de saúde que se indiquen desde as autoridades sanitarias, nas que se firmará a súa recepción. O protocolo lembra que a recollida e distribución deste material é un servizo de alto risco, dado que vai dirixido ao persoal que coida da saúde da poboación nun momento tan delicado, polo que “todas as medidas sanitarias establecidas son de obrigado cumprimento”.
En días pasados, dende a área de Seguridade elaborouse un documento coas necesidades do persoal dos grupos operativos de intervención de primeira liña de defensa contra a epidemia e do persoal dedicado a tarefas relacionadas cos servizos sociais. En total, os EPIS cos que se daría cobertura a todo este persoal consisten en máis de 2.000 máscaras de diferentes tipos, outras tantas unidades de guantes de nitrilo, 200 batas cirúrxicas, 2.000 litros de diferentes desinfectantes e 300 gafas de protección. O subministro de parte deste material xa foi contratado polo Concello.
Discussion about this post