O Concello de Ferrol continúa contribuíndo ao desenvolvemento do labor que exerce o Patronato Concepción Arenal de Ferrol a través dunha achega municipal que ascende este ano a 21.500 euros. A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, e a presidenta da entidade, Beatriz Dorrio, rubricou onte mesmo o convenio, que busca promover a autonomía persoal das mulleres en situación de exclusión social a través da posta en marcha dun programa integral para a adquisición de habilidades sociais.
No marco deste convenio, o Concello contribúe ao financiamento e mantemento dunha vivenda tutelada asumindo os gastos do persoal que realizará as actividades desenvolvidas dentro do centro no ámbito psicosocial e laboral, entre outros, para a adquisición de ferramentas de cara a lograr a autonomía persoal das mulleres destinatarias. A edil indicou que o Concello está a facer un “importante esforzo” por contribuír ao desenvolvemento persoal das mulleres que máis o necesitan.
Ademáis, a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, abordou na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada esta mañá a proposta de aprobación da prórroga do convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para a mellora do servizo da Casa de Acollida de Ferrol. A duración inicial de dito convenio comprendía ata o 7 de outubro de 2022 e a proposta, que se someterá ao pleno da corporación municipal, contempla prorrogalo ata o 7 de outubro de 2026.