O Concello de Ferrol entregou onte 2.000 máscaras cirúrxicas para o seu reparto entre os traballadores das farmacias do municipio. Cada establecemento recibirá unha caixa de 50 unidades logo de que algúns deles informaran de que non dispoñen de material suficiente para pór á venda e, ao mesmo tempo, protexer aos seus empregados. Con esta medida, a concellería de Seguridade continúa a distribución dos equipos de protección individual (EPI) que chegan ao punto loxístico creado no antigo Hospicio ao inicio da crise do COVID-19.
Nese reparto estase a primar as actividades máis sensibles, mentres se agarda a que se normalice o abastecemento á poboación de cara a futuras medidas de paulatino levantamento do confinamento. A cooperativa farmacéutica Bidafarma, á que tamén se lle facilitaron máscaras para uso do seu persoal, será a encargada de facer chegar estes EPIs aos 40 establecementos que hai en Ferrol.