O Concello de Ferrol porá en marcha dous programas de emerxencia e inclusión social con fondos europeos

Unha subvención de 300.000 euros permitirá financiar o total do orzamento

O Concello está a retomar a preparación dos dous programas de emerxencia e inclusión social con cargo ao Fondo Social Europeo a través da Administración autonómica e para os que o Concello conseguiu a principios de ano unha subvención de preto de 300.000 euros, é dicir, o investimento total, polo que o Concello non ten que achegar nada, xa que lle foi concedido o 100% do financiamento.

Os servizos sociais municipais xa están a realizar a selección de beneficiarios do programa Ferrol Cidade Inclusiva, do que se beneficiarán 67 perceptores da Risga. Este plan tamén está dirixido ás familias dos beneficiarios porque, ademais da inserción sociolaboral, tamén ten como obxectivo o “acompañamento” destas persoas para que melloren a súa situación social, por exemplo, coa prevención do abandono escolar ou co acceso a axudas á vivenda.

Respecto ao segundo programa, Ferrol Acolle, destinado a 25 persoas sen teito, a Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito retomou esta mañá a revisión dos perfís susceptibles de formar parte del. Ambos plans teñen unha fase común, de diagnóstico, na que mediante entrevistas en profundidade se analizará cada perfil persoal e profesional.

Despois parte dos usuarios pasarán a formación prelaboral, mentres outros só necesitarán formación xa laboral ou adaptativa. Aínda que hai varios itinerarios xa preparados, contémplase a posibilidade de adaptalos a calquera perfil. Como punto de partida, deseñáronse o de mantemento xeral de edificios e o de camareiro.

 

Salir de la versión móvil