O grupo municipal do PP de Ferrol urxiu hoxe ao Concello a avanzar «nun contrato fundamental» como é o de mantemento de viais, que non está vixente desde o mes de setembro. Desde o Grupo Popular instan ao goberno de Mato a considerar o plan de mantemento de viais e edificios públicos cun investimento de tres millóns de euros que os populares puxeron sobre a mesa en outubro de 2019 e que non chegou a negociarse. «O que está a facer o goberno é poñer valados nos baches en lugar de reparalos», denunciaron os populares, que acusaron ao Concello de «malgastar o diñeiro parcheando a cidade».
Desde a Administración local explican que o novo contrato de mantemento de viais está xa redactado e atópase en proceso de revisión, polo que podería sair a licitación «en pouco tempo». Ademáis, lembraron que dadas as necesidades actuais, vaise aumentar considerablemente a contía destinada ao arranxo dos baches e ao mantemento das rúas.
Recentemente, lembran desde o Concello, contratouse a unha cuadrilla de peóns mediantes as subvencións do Risga coa que se vai implementar un plan de rebacheos mentres termina de preparar o contrato definitivo para o mantemento das vías públicas.