O Concello de Ferrol promove a empregabilidade de parados a través de Cáritas e Apecco

O obxectivo é desenvolver un curso de 500 horas para a adquisición de coñecementos tanto teóricos como prácticos sobre traballos básicos
1491992295926

O alcalde, Ángel Mato, e os concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, e de Benestar Social, Eva Martínez Montero, reuníronse onte con representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco) e de Cáritas para abordar un proxecto de formación destinado a mellorar a empregabilidade de persoas sen traballo ou que se atopen nunha situación de risco de exclusión.

De materializarse, esta proposta levaríase a cabo mediante un convenio de colaboración entre ambas entidades e o Concello de Ferrol. Por parte da asociación que agrupa aos construtores explicouse que nestes momentos, e polos graves efectos da anterior crise económica, o sector precisa man de obra con certas cualificacións que en moitas ocasións non é doado atopar, e insistiron en que este tipo de accións orientadas a preparar traballadores están obtendo moi bos resultados. Tamén mostraron o seu total acordo coa necesidade manifestada dende Cáritas de que a iniciativa inclúa un acompañamento social dos beneficiarios do proxecto, que poderían ser ata unha vintena de persoas, para aumentar as súas posibilidades de inserción laboral.

Segundo se avanzou na reunión, o curso superaría as 500 horas e incluiría a adquisición de coñecementos tanto teóricos como prácticos sobre traballos básicos que se desenvolven no sector, así como formación en prevención de riscos laborais. A intención é proporcionar aos participantes unha base sobre a que poder progresar posteriormente dentro das empresas das que poderían pasar a formar parte finalizado o proxecto ou noutras do sector.

Por ese motivo, incluiríanse prácticas nas propias compañías integradas en Apecco, e ao acabar a súa formación, os participantes pasarían directamente a formar parte dunha bolsa de emprego vinculada á asociación. Os representantes dos construtores destacaron que a experiencia doutros cursos deste proxecto que se veñen desenvolvendo nos últimos anos noutras cidades obtiveron un resultado de ata un 70 % de inserción laboral, un dato moi elevado dentro do que son este tipo de iniciativas.

O alcalde, pola súa parte, manifestou o interese do Concello en colaborar con esta iniciativa e puxo a disposición do proxecto as concellerías de Urbanismo, Emprego e Servizos Sociais, así como as instalacións do Centro de Emprego municipal. “Na medida das nosas posibilidades, todas as iniciativas en favor da inserción sociolaboral que nos acheguen entidades cunha traxectoria tan contrastada coma as que formarían parte desta contarán co respaldo deste goberno local”, asegurou Mato.

Publicidad
Xeoparque Cabo Ortegal
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.