O Concello de Ferrol quere impulsar a Batalla de Brión como atractivo turístico

A vontade da Administración local é incluir a cita dentro do programa de recuperación e valorización do patrimonio marítimo, militar e industrial do litoral do Espacio Atlántico

O Concello de Ferrol quere recuperar a súa implicación na celebración e posta en valor da Batalla de Brión, que cada mes de agosto recorda o enfrontamento entre tropas británicas e españolas que tivo lugar hai 220 anos nos montes ferroláns. Para elo, os concelleiros de Promoción Económica e Turismo,  María Teresa Deus; de Patrimonio Histórico, Eva Martínez; e de Seguridade, Germán Costoya, mantiveron  onte unha reunión con representantes da asociación Batalla de Brión, dos veciños de Brión e de San Felipe-San Cristóbal, da asociación cultural e de promoción social Conxeito e Fertur para sentar as bases de cara á organización da próxima conmemoración da batalla, que terá lugar a finais do mes de agosto.

Este ano, ademais, cúmprense 220 anos da loita de tropas, para o que o Concello tiña programada unha gran celebración que a crise sanitaria pola covid-19 motivou o seu aprazamento ao verán do ano 2021 e programarase para este 2020 un acto acorde coas restriccións de seguridade. A reunión serviu para perfilar dita programación e para avanzar na recuperación por parte do Concello desta celebración. “A nosa vontade”, dixo a concelleira de Promoción Turística, “é aumentar a nosa participación nunha festa que consideramos de especial importancia para lograr a posta en valor do noso patrimonio”. É un gran “recurso turístico” que vai a contar “co apoio deste equipo de goberno”, rematou.

Ferrol, líder do proxecto europeo

Tras a reunión de onte a concelleira anunciou que o Concello incluirá a celebración da Batalla de Brión no Proxecto de Recuperación e Valorización do Patrimonio Marítimo, Militar e Industrial do Litoral do Espazo Atlántico (MMIAH), un proxecto europeo liderado por Ferrol e cofinanciado pola Unión Europea e o FEDER. Ten como obxectivo a posta en valor do litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o uso social dos mesmos e xerar actividades de valor engadido en torno a eles co fin de promover o turismo cultural como factor de sostenibilidade económica das cidades.

Con motivo da Batalla de Brión celebraranse actividades acordes co fin do MMIAH, entre as que se inclúe a elaboración dun vídeo promocional que se dará a coñecer entre os socios do proxecto europeo: ademais de Ferrol, Cádiz, Ílhavo, Plymouth, Liverpool, Caen, La Rochelle, Limerick e Cork.

 

Salir de la versión móvil