O Concello licita o refocheo do parking do Sánchez Aguilera por 12.444 euros

Os traballos consistirán no raspado das lomas e o recheo dos buratos

Parking del Sánchez Aguilera

O Concello de Ferrol anunciou hoxe a adxudicación dos traballos de refocheo no aparcadoiro do cuartel Sánchez Aguilera á empresa Prosema Noroeste por un importe de 12.444,85 euros.

A intervención, tal e como adiantou o pasado luns o concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, Julián Reina, estaba pendente da autorización do Invied (Instituto de Vivienda, Infraestructura y Equipamiento de la Defensa) ao tratarse dun terreo incluído no convenio que o Concello ten co Ministerio de Defensa. En canto se recibiu o permiso, iniciouse o proceso de adxudicación.

A intervención consistirá no arado superficial dos lombos e das fochas das zonas deterioradas, o aporte de áridos para o recebado de fochas e o nivelado e compactado da superficie. A intención do goberno local, explicou a concelleira do área Ana Lamas, é que estea en óptimas condicións para a celebración da Semana Santa.

Alumeado público

A responsable de Obras e Servizos tamén deu conta das actuacións realizadas nas instalacións do alumeado público ao longo do pasado ano. Executáronse un total de 4.976 actuacións, a maioría nos meses de inverno debido á maior probabilidade de sufrir condicións meteorolóxicas adversas e polo maior número de horas de uso.

Por actividade, 3.359 foron para o seu mantemento correctivo, é dicir, por avarías producidas por desgaste; 1.155 para o mantemento preventivo; 152 por obras; 105 a consecuencia de actos vandálicos; 51 por accidentes e 36 polos efectos de temporais. O resto corresponden a outro tipo de intervencións.

Salir de la versión móvil