O Concello de Ferrol reparte alimentos a case 500 familias da cidade

O gasto realizado pola concellería de servizos sociais desde o decreto de estado de alarma co fin de protexer aos máis vulnerables da cidade ascende a 97.115 euros

No primeiro mes de confinamento, o Concello de Ferrol repartiu axudas para afrontar os gastos de alimentación e produtos de primeira necesidade a un total de 484 familias. A actual situación de estado de alarma, decretado polo Goberno central o pasado 14 de marzo, xerou que a realidade económica de moitas persoas empeorara tras a suspensión da actividade na maioría de empresas e negocios, aumentando así a súa vulnerabilidade e precariedade.

As axudas para afrontar o gasto da comida diaria das familias máis necesitadas da cidade así como de produtos de hixiene e limpeza foi unha das primeiras medidas postas en marcha polos servizos sociais e que supón ata agora un gasto de 97.115 euros. A estas medidas súmanse as axudas para adquirir medicamentos, que tamén se están a conceder ás persoas que os necesitan e que agora non poden afrontar dita compra, un esforzo que eleva o gasto de servizos sociais a preto de 100.000 euros.

Os servizos sociais do Concello de Ferrol verán ampliado o seu persoal nos próximos días coa incorporación de seis novos empregados: 3 traballadores sociais e outros 3 administrativos. O obxectivo, explica a concelleira, é reforzar a atención á cidadanía, que nestes momentos tan difíciles “necesita o apoio da súa administración máis próxima, o seu concello”, explican dende o goberno local.

Menús a domicilio e na praza de España

Ademais de axudas para alimentación, desde o Concello estanse a poñer en marcha outras medidas para que os veciños máis necesitados pasen os días de confinamento o máis apoiados posible e sempre co obxectivo de evitar a propagación do Covid-19. Os servizos sociais se está a xestionar o traslado a domicilio de menús a mais dunha ducia de veciños. O Concello tamén se encarga do reparto dos menús que prepara a Cociña Económica para os seus usuarios, ao redor de 150. Para elo, o goberno local contratou a instalación na praza de España dunha carpa de 50 metros de lonxitude na que os beneficiarios poden agardar a súa quenda mesmo en condicións meteorolóxicas adversas.

Salir de la versión móvil