O Concello de Ferrol publicou esta mañá do mércores 19 de agosto no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o anuncio de licitación electrónica da reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello, entre San Antón e a estrada Alta do Porto.
O orzamento do contrato é de 620.197,36 euros, dos que o 80 % -496.157,89- está previsto que se financien con fondos europeos e o 20 % -124.039,47- con cargo ás arcas municipais. O prazo de presentación de propostas rematará o próximo 8 de setembro, mentres que o de execución das obras unha vez se inicien os traballos é de seis meses.
Reformas a realizar
O proxecto de reurbanización inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, as actuais lousas que forman as beirarrúas no tramo entre San Antonio e Baterías volveranse utilizar, sempre que sexa posible, tendo en conta que se trata dun elemento catalogado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello.
No caso de que sexa necesario, o novo material que se aporte terá características similares ao xa existente. A zona destinada ao paso de vehículos será de adoquín, seguindo o mesmo esquema doutras urbanizacións recentes no barrio, como Merced, Socorro, Conchas e Mártires.
Na parte final, entre Baterías e a estrada Alta do Porto, empregaranse lousas de granito na totalidade da rúa, sen diferenciar entre áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado. As obras implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga. Tamén a reposición da rede de gas así como a construción de canalizacións para o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. Por último, instalarase un novo alumeado público e mobiliario urbano axeitado ao proxecto deste tipo de elementos para Ferrol Vello.