Ferrol celebrará hoxe o día grande do Entroido co xa tradicional desfile e festival de comparsas, pero durante toda a semana haberá actividades para nenos e adultos.
A festa arrinca este mediodía na Praza de Amboaxe cunha filloada popular ata as dúas e media da tarde, onde se esperan repartir máis de 1.200 freixós por hora. Xa as 18.00 horas comezará o desfile de comparsas que sairá desde a praza de España e percorrerá todo o centro histórico da cidade cantando e bailando os seus repertorios burlescos ata a praza de Amboage, onde terá lugar a gala a partir das 19.30 horas.
En total serán 641 os membros dos grupos de virán de tódala comarca para formar parte desta troula. De Ferrol participarán os de a Asociación Sociocultural ASCM, co nome de “Os Colludos”; a de Fanpa Ferrolterra Concepción Arenal, “As Máis Mellores”; a de OJE Ferrol, “Extrojerrestres”; a do Colectivo Sociocultural A Revolta, “Sétimo Continente”; a da ANPA Belén, “A Monstruosa ANPA Belén” e a da ANPA do CEIP de Pazos, “Entroideiros de Pazos”.
Do veciño concello de Narón virán “Semente de Trasancos”, “A Tribu das Xoaniñas”, “Os Parrandolos”, “Tróupele Tróupele”, “Os Argalleiros Trotamundos”, e “Cingaranza”. De Fene participarán “Fantasía Punky Paso a Paso”, “Os Trastos” e de Neda, “Urxencias da Canteira”.
Este ano as agrupacións participantes optarán a premios en metálico. O primeiro será de 630 euros; 620 para o segundo e 610 para o terceiro posto. Tras o concurso, a esmorga prolóngase durante a noite, en diversos lugares da cidade, tanto no centro histórico, como nos arredores.
Martes 25
O martes continuarán as actividades. Ás 17.30 horas haberá unha festa Infantil que este ano contará cun espectáculo musical, taller de máscaras tradicionais galegas ou pintacaras e tatuaxes con purpurina. Ademais, repartiranse 300 racións de flocos de millo e haberá unha máquina de algodón de azucre.
Venres 28
Despídese o Entroido 2020 con “O enterro da Sardiña”, que se celebra na rúa Nova de Caranza, no barrio de Ultramar. A xornada comezará partir das 17.30 horas coaa festa infantil na praza de Ultramar.
Contra as 20.15 horas sairá o pasarúas desde Sánchez Calviño, onde as comparsas, e a xente disfrazada farán un desfile acompañando o ataúde da sardiña e ás 21.00 horas terá lugar a gala.
Serán ás 23.00 horas cando finalmente na praza do barrio terá lugar a “queima dá sardiña”. Un dos momentos máis máxicos e divertidos do Entroido ferrolán.
Relacionado: