O festival infantil Festea comeza mañá sábado no Torrente Ballester

O Concello de Ferrol presentou esta nova edición que rematará o 6 de decembro e inclúe once espectáculos de balde

O Concello de Ferrol inicia esta fin de semana a quinta edición do festival infantil Festea, que contará ata finais de ano con 11 espectáculos de balde dirixidos ao público familiar. A actividade se desenvolverá no Teatro Jofre e no centro cultural Torrente Ballester. O edil de Cultura, Antonio Golpe, destacou a “calidade das compañías e dos espectáculos que, un ano máis, inclúe Festea. Cumprimos polo tanto un dobre obxectivo, por un lado manter o noso apoio ao tecido cultural e, por outro, ofrecer aos nosos pequenos unha dose de alegría e ilusión despois de meses de confinamento, que foi especialmente duro para os nenos”.

O concelleiro estivo acompañado por Plamen Ivanov Dipchikov, coordinador do festival, quen aproveitou para presentar a Gusty —o boneco que pon cara á marca Festea— e agradecer ao Concello de Ferrol a súa aposta pola iniciativa e “lograr xa algo moi importante, crear unha xeración Festea”.

Unha programación con premios Feten e Barco de Vapor

A programación da quinta edición de Festea, que comeza este sábado, 17 de outubro, e remata o 6 de decembro, inclúe once espectáculos. O primeiro será ‘A viaxe de Rosalía’, da compañía galega Larraitz Producións Artísticas, unha obra en galego na que Francisca do Campo, cóntanos a historia da súa querida afillada Rosalía de Castro. Cargada de maletas, teas, zapatos e libros, comparte a traxectoria dun símbolo irrenunciable para a cultura galega. Será no Torrente Ballester ás 18.30 horas.

O domingo 25 de outubro, ás 12.30 horas no Teatro Jofre, a compañía Búho Maravillas estrará a adaptación da obra de Oscar Wilde ‘O príncipe feliz’, unha historia de amizade e empatía. O mesmo día, ás 18.30 horas, o Torrente Ballester acolle ‘A Granxa’, da mesma compañía, unha obra que narra a procura dun amigo incondicional.

Xa en novembro, o domingo día 1, ás 12.30 horas, a compañía A la Sombrita representará no Jofre a máis estraña historia de piratas ‘O Tesouro de Barracuda’, un espectáculo recomendado pola Red Española de Teatros e Premio El Barco de Vapor. Pola tarde, ás 18.30 horas, o Torrente ofrecerá ‘Contos de poucas luces’, da mesma compañía, un paseo polas orixes dos contos, desde a súa creación nas cavernas co descubrimento do lume.

‘De gatos e ratos’, de Teatro de Carmen, estará no Torrente Ballester o domingo 8 de novembro, ás 12.30 horas, para representar unha historia que fala da amizade e a superación das diferenzas dos seus personaxes. O día 15, no Jofre ás 12.30 horas, Teatro Paraíso sube ao escenario ‘Úniko’, Premio á Mellor Interpretación FETEN 2020.

Mestura de maneira sabia e divertida o monicreque e o teatro e convida a reflexionar sobre a convivencia, a autoestima, o apego, a educación, a tristeza e o medo ao descoñecido. Pola tarde, ás 18.30 horas, o Torrente Ballester, ofrecerá ‘O galo quirico e os seus amigos’, da compañía Títeres Seisdedos, un espectáculo en galego de marionetas tradicionais con teatriño de cartón e música en directo.

O domingo 29 de novembro, ás 12.30 horas tamén no Torrente, a compañía Cachirulo ofrecerá ‘A cabeza do dragón’, un espectáculo en galego que narra unha divertida comedia baseada na obra de Valle-Inclán con princesas, bandidos e dragóns.

No mes de decembro, o sábado 5 ás 12.30 horas, o centro cívico acollerá ‘Ratiño Pérez, a verdadeira historia’, de Teatro Plus, que reflexiona sobre a posibilidade de cambiar o mundo. A programación de Festea rematará o o domingo 6 no mesmo espazo ás 12.30 horas con ‘Desexos pequenos’, un belo espectáculo sobre as tristes andanzas e liberalizadores soños da pequena cerilleira unha fría Noitevella.

Tal e como explicou o coordinador do programa, esta nova edición de Festea conta con tres espectáculos de gran formato —O príncipe feliz, O tesouro de Barracuda e Úniko —, e outros tantos creados e dirixidos por mulleres: A viaxe de Rosalía, Desexo Pequenos e De gatos e ratos.

As entradas, todas de balde, poden adquirirse no Teatro Jofre en horario habitual: xoves e venres de 11.00 h a 13.00 horas e de 18.00 h a 20.00 horas. O mesmo día da función, de de 11h a 13horas no Teatro Jofre e unha hora antes de que comece a representación no lugar do espectáculo. O número máximo de entradas por persoa serán catro.

 

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, e Plamen Ivanov Dipchikov, coordinador do festival
Salir de la versión móvil