A Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación ditaminou na súa reunión desta mañá o expediente de licitación do servizo de axuda no fogar (SAF). O documento obtivo o voto favorable dos grupos municipais do PSOE e de FeC, mentres que tanto o Partido Popular como o BNG se abstiveron. Este trámite supón o último paso antes de que o goberno local someta ao pleno da corporación o expediente, algo que xa anunciou recentemente que faría este mesmo mes de xullo.
Desde o goberno socialista lembraron que o novo servizo ofrecerá a posibilidade de atender a moitas máis persoas que o actual, o cal “é unha moi boa nova para a cidade”, expresaron. O obxectivo é que as persoas usuarias poidan ser atendidas “coa maior calidade posible”, pero tamén no maior número posible.
O prezo de licitación alcanzará os 5,5 millóns de euros, cun incremento de 2,6 sobre o que se estaba destinando ata agora a este servizo. Esta é a primeira vez que se vai revisar dende o ano 2014. O novo período será de dous anos, prorrogable anualmente ata en dúas ocasións. Debido ao seu elevado importe, o órgano de contratación deste servizo é o pleno, de xeito que a súa aprobación “dependerá dos 25 concelleiros e concelleiras que forman a corporación”, e mostrou a súa esperanza de que todos teñan “altura de miras suficiente” para que o expediente sexa aprobado e poida ser licitado e contratado “para que repercuta en todos os usuarios e usuarias”.