A concelleira de Economía e Facenda, María Teresa Deus, presentoulles esta mañá aos grupos políticos municipais as bases reguladoras específicas para a subvención de actividades de reactivación e promoción económica do Concello de Ferrol para o ano 2020, Ferrol, Cidade Viva.
Foi durante a reunión da Comisión Informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos celebrada esta mañá, na que se informou de que a cantidade total destinada a estas axudas se elevará a 150.000 euros. Segundo avanzou, a edil ten previsto citar proximamente ás entidades da cidade para explicarlles o contido do documento, que será sometido ao pleno da corporación para a súa aprobación.
A esta convocatoria poderán concorrer asociacións relacionadas co comercio, coa hostalería, co sector pesqueiro-mariscador e cos mercados, ademais de entidades empresariais, en todos os casos co seu ámbito de actuación no concello de Ferrol.
Cen emprendedores en formación
Deus lembrou que xa son preto de 100 os establecementos participantes no programa “Ferrol Cidade Viva”, un plan deseñado polo Concello co fin de reactivar e dinamizar a economía local e do que vén de rematar a primeira parte da fase formativa e de asesoramento, que se retomará no mes de setembro. Os comerciantes interesados en sumarse a este proxecto aínda poden enviar un correo electrónico a [email protected] e os responsables do plan poñeranse en contacto con eles.
Unha vez pasado o verán tamén se poñerá en marcha a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción” do comercio local para incentivar as compras e captar novos clientes. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e incentivarase especialmente as vendas cruzadas.
Próximo pago das axudas
A concelleira tamén informou de que o Concello de Ferrol comezará a pagar as axudas do Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME-Ferrol) para autónomos e pequenos empresarios da cidade antes de que remate este mesmo mes de xullo. Nos próximos días se publicará a listaxe definitiva dos beneficiarios do programa, unha iniciativa impulsada polo Concello de Ferrol co fin de paliar os efectos económicos da covid-19 no comercio local.
Unha vez avanzada a tramitación, tal e como explicou a edil, o Concello abrirá unha segunda convocatoria de axudas a autónomos e pequenas empresas financiada con cargo ao remanente do PAME. Serviría para que os solicitantes que non cumprían os requisitos contemplados nas bases poidan optar de novo ás axudas unha vez que subsanen o problema. Tamén para que pedisen a subvención quen por outros motivos non o fixeron na convocatoria que se está a resolver agora.