Mato estuda cos hosteleiros ampliar o espazo destinado a terrazas

Unha comisión técnica de Urbanismo analizará o posible impacto que tería esta medida

O goberno local de Ferrol mantivo esta semana unha reunión telemática con representantes do sector turístico da cidade para analizar as perspectivas de futuro no contexto da epidemia do Covid-19. No encontro participaron, entre outros, unha decena de voceiros de axencias de viaxes; de asociacións de hostalería, de comercio e empresariais; do colectivo do taxi ou de establecementos hoteleiros, cos que o goberno adquiriu o compromiso de manter o contacto para seguir abordando a problemática que se lle presenta ao sector.

Unha das cuestións que se analizaron, debido á próxima reapertura da hostalería, foi a especial preocupación dos propietarios dos locais pola programación da desescalada e de que maneira afectarán aos negocios requisitos como a redución da ocupación das terrazas. Sobre este punto, que depende da concellería de Urbanismo, o goberno detallou que se están estudando fórmulas, tanto dende o punto de vista xurídico coma do técnico, que sirvan para compensar o descenso mantendo, en todo caso, a seguridade das persoas.

De feito, na Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación celebrada na mañá de hoxe, o edil responsable da área, Julian Reina, trasladoulles aos grupos políticos municipais a proposta de ampliar o espazo destinado ás terrazas dos establecementos hostaleiros, unha medida que contou co apoio dos membros da comisión. Reina tamén explicou que se celebrará unha comisión de terrazas, da que forman parte técnicos e xurídicos municipais, para tratar especificamente este asunto.

Para o concelleiro, o obxectivo é atopar “solucións viables, con todas as garantías, que sirvan para que as restricións teñan o menor impacto posible”, polo que a ampliación do espazo destinado ás mesas parece o máis recomendable, tanto para poder manter as distancias como para favorecer a ocupación dun xeito seguro. Tamén explicou que na reunión técnica de mañá se analizará caso por caso, en función das características e posibilidades de cada rúa.

O alcalde Ángel Mato trasladoulles aos representantes do sector turístico que o Concello ten a firme intención de apoiar ao sector turístico, como parte importante do tecido económico da cidade, dentro das súas competencias e facendo todo o esforzo que lle permitan os seus recursos, e insistiulles en que o goberno local comezou a traballar nesa liña dende o primeiro momento da crise epidémica e continuará a facelo mentres sexa necesario, adoitando novas medidas de apoio e fomento da actividade económica.

¡

Salir de la versión móvil