O goberno de Ferrol presenta aos grupos políticos o Plan de Mobilidade Urbana

O documento recolle, entre outras actuacións, a creación dunha supermazá peonil no centro da Magdalena

O concelleiro de Urbanismo de Ferrol, Julián Reina, trasladou hoxe aos grupos municipais o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) elaborado polo Eixo Atlántico para os municipios que forman parte do organismo. Durante a reunión da Comisión Informativa de Urbanismo, Reina expuxo as principais liñas que recolle o documento, especialmente no referido a Ferrol, para que os edís poidan revisar o seu contido antes de volver a abordalo en vindeiras sesións.

O edil socialista explicou que este estudo pode ser ilustrativo por canto compara diferentes proxectos en materia de mobilidade enfocados a cada concello do Eixo Atlántico, de forma que estes exemplos teñen interese como ferramenta de traballo para extraer aportacións ao futuro PMUS de Ferrol. “Non queremos rexeitar ningún instrumento que sirva para definir e mellorar o Plan de Mobilidade”, asegurou tras a reunión.

Para o concelleiro, “a mobilidade nunha cidade débese planificar a través de consensos, mediante o diálogo e tamén con pedagoxía”. “Aínda que este camiño poida ser máis longo —dixo—, é máis efectivo que os proxectos de mobilidade que se deseñan arredor dun único punto de vista”.

En canto ás propostas concretas que recolle para Ferrol o Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Eixo Atlántico, divídense en catro ámbitos. Por unha banda, o da circulación de vehículos, para o que se establecen como criterios a distinción entre un perímetro de vías principais e unha rede de rúas interiores con máis restriccións ao tráfico e nas que se destinaría máis espazo tanto aos carrís bici como ás beirarrúas ou ao carril bus.

En canto ao transporte público, o documento recolle unha planificación de servizos que evite solapamentos das liñas e unha redistribución das paradas. No eido da bicicleta, contémplase o incremento dos carrís bici ata completar unha rede continua, o desenvolvemento dunha malla secundaria destas vías e fomentar o servizo de préstamo de bicicletas. Finalmente, no referido á mobilidade a pé, proponse a creación dunha rede de sendas urbanas para peóns que se estendan polo conxunto da cidade e a implementación do concepto de supermazá.

Salir de la versión móvil