O goberno de Mato pedirá un crédito de 7 millóns de euros para afrontar a crise “con suficiente liquidez”

A Administración local aprobou en 15 días facturas por valor de tres millóns de euros e prepara novas medidas por un importe similar

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ordenou onte que o Concello inicie a concertación dunha operación de crédito a curto prazo para facer fronte a necesidades transitorias de tesourería por importe de 7 millóns de euros. Con esta medida, que tería unha duración dun ano e un custo máximo de 21.700 euros, cubriríase unha posible falta de liquidez da Administración local ferrolá motivada pola crise do COVID-19.

Pese a que as contas municipais están saneadas, as medidas adoitadas polo goberno local para paliar as consecuencias da epidemia supoñen para o Concello o aprazamento ou mesmo a inexistencia de numerosos ingresos que estaban contemplados antes de que se producira esta situación.

A iso únese que o pago aos provedores municipais está contemplado como esencial, para tratar de atenuar os efectos económicos da epidemia entre as pequenas empresas e autónomos locais, de xeito que o ritmo ao que se vén facendo incrementouse notablemente, ata acadar os arredor de tres millóns de euros en só os primeiros 15 días tras o inicio do estado de alarma.

A maiores, estanse a afrontar numerosos gastos derivados, entre outras cuestións, da prestación de axudas sociais, a atención a persoas en situación de vulnerabilidade, a adquisición de material, a contratación de servizos de hixienización ou o acondicionamento de instalacións. Un desequilibrio previsto e causado por medidas “absolutamente necesarias”.

O goberno local vén traballando nunha batería de medidas de flexibilización fiscal para os contribuíntes, entre as que cabe destacar a ampliación dos prazos de liquidacións e ingreso tanto en período voluntario como en vía executiva, a suspensión dos procedementos de embargo, a suspensión do prazo de declaracións do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), a suspensión da emisión de notificacións e a modificación do calendario fiscal, ampliando os prazos de determinadas cobranzas.

Tampouco se están a liquidar taxas ou prezos públicos nos que non se produce o feito impoñible. As consecuencias son que o Concello unicamente ingresou 25.000 euros nesta primeira quincena de abril. En canto á cobranza en período voluntario do imposto de vehículos (arredor de tres millóns de euros), que finalizaba a principios de xuño, ampliouse ata finais de xullo, o que suporá tamén un adiamento destes cobros.

Salir de la versión móvil