O goberno local de Ferrol adxudica por 106.000 euros a reparación de beirarrúas en seis estradas

Repararse o firme, mellorarase a accesibilidade nos pasos de peóns e instalaranse elementos de protección para os peóns

A Xunta de Goberno Local de Ferrol aprobou onte a adxudicación da execución das obras de reparación de beirarrúas en seis estradas da Deputación da Coruña localizadas na zona rural, unha actuación incluída no POS+2018 (Plan de Obras e Servizos). Trátase dos viarios DP-3603 (Ferrol-Cobas), DP-3604 (San Xoán de Filgueira-Catabois), DP-3605 (Penas de Guitín-San Xoán de Filgueira), DP-3608 (Serantes-Doniños), DP-3609 (Corrás-A Malata) y, por último, a DP-3612 (Aneiros-A Cabana). En total, a inversión será de 106.169 euros

Na actualidade, as súas beirarrúas atópanse nun estado de conservación precario, polo que “demos prioridade a este contrato que, ademais de reparar beirarrúas, inclúe adaptar os cruces peonís á lexislación vixente e a reposición de elementos de protección para viandantes”, explicou o concelleiro de Urbanismo e voceiro municipal, Julián Reina, tras a celebración da Xunta de Goberno Local. Con estas actuacións, dixo, o goberno local segue avanzando na mellora das vías, porque a seguridade é unha das nosas prioridades”.

En concreto, emendarase o deterioro do firme das beirarrúas, tanto pola presenza de vexetación, roturas, afundimento, levantamento de baldosas como por outros danos. Tamén se mellorará a accesibilidade aos pasos de peóns, eliminaranse barreiras arquitectónicas e restableceranse os elementos de protección para viandantes en zonas puntuais. O prazo de execución das obras é de 4 meses desde a firma da acta de comprobación de replanteo.

Salir de la versión móvil