O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acompañado polo voceiro municipal e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou tras a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá a aprobación do proxecto de execución do arranxo das deficiencias detectadas na urbanización do Plan de sectorización Cidade Xardín no Vinculeiro, cuxo orzamento ascende a 695.207 euros.
Do mesmo xeito, aprobouse remitir á tesourería para que proceda á incautación da totalidade da garantía prestada por Proxectos Ciudad Jardín, S.L. para satisfacer as responsabilidades derivadas da execución das obras de urbanización, o aval por importe de 549.568,66 euros, así como requerir o abono dos gastos que excedan do importe de dito aval ao promotor do polígono Proxectos Ciudad Jardín, S.L.
O alcalde asegurou que a aprobación deste proxecto é “unha solución a un problema histórico” que “leva sobre a mesa 16 anos”. O proxecto inclúe todas aquelas intervencións que non foron resoltas como consecuencia da quebra da empresa, o que provocou “moitos problemas para que os residentes obtiveran as licencias de primeira ocupación”.
Mato explicou que a execución destes traballos fará posible que os veciños poidan obter ditas licencias e recoñeceu sentirse “moi orgulloso” do traballo desenvolvido polo departamento de Urbanismo e o seu concelleiro, Julián Reina, para axilizar a resolución dun problema que se detectou cando o actual alcalde era o titular da concellería de Urbanismo.
O traballo feito durante estes anos polos gobernos municipais “por fin deu os seus froitos”, dixo Mato, quen apuntou que no próximo ano os veciños verán iniciados os traballos que solucionarán os problemas en Cidade Xardín.
Pola súa banda, Reina insistiu en que a aprobación de hoxe supón “un paso determinante para pór fin a un problema que veñen sufrindo os nosos veciños desde hai moito tempo” e apuntou que desde a concellería de Urbanismo axilizaranse os trámites para que canto antes queden resoltas as deficiencias na urbanización do Plan de Sectorización Cidade Xardín no Vinculeiro.
Máis intervencións na contorna
O tamén voceiro do goberno local detallou o programa de necesidades conforme aos informes emitidos polos departamentos técnicos municipais e que inclúe a conexión da avenida do Vinculeiro coa estrada de Santa Icía mediante un paso de peóns na avenida que permitirá cruzar con seguridade aos peóns que circulen pola beirarrúa da estrada de Santa Icía.
Executarase a conexión viaria entre a urbanización Cidade Xardín e a urbanización O Boial e tamén a continuación da beirarrúa no oeste da urbanización, que dará continuidade ao itinerario peonil desde a avenida Buque Escola Galatea ata a rúa Cruz de Arriba.
Reina tamén explicou que se executará a rasante da beirarrúa entre a estrada de Santa Icía e a rotonda norte da urbanización e instalaranse salva bordos metálicos para facilitar o acceso ás vivendas. Instalarase unha banda de 90 centímetros de ancho de baldosas direccionais en todos os pasos de peonís no interior da urbanización e repoñerase os bordos e beirarrúas en mal estado. Do mesmo feito realizarase unha limpeza xeral nas beirarrúas, eliminaranse os elementos vexetais e rozarase a maleza.