O goberno local vai someter ao pleno proximamente a aprobación dun novo reparto de custes de explotación dos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol, unha infraestrutura de saneamento que xestiona Aguas de las Cuencas de España (Acuaes). Así o anunciou o alcalde, Ángel Mato, despois da celebración dunha Xunta de Voceiros na que tratou este tema cos portavoces dos grupos políticos municipais.
Tal e como avanzou o pasado 23 de setembro, tras a reunión da comisión de seguimento do convenio subscrito por Acuaes e os concellos de Ferrol e Narón para a construción e explotación desta rede de saneamento, considera que o reparto de custes que se lle están imputando a cada concello non responde á realidade. Esa estimación, pola que se lle xiran a Ferrol un 70 % dos gastos e a Narón un 30 %, “establecérase para o custe de construción dos colectores, e non para o mantemento e a operación dos mesmos”, lembrou. O reparto ten que basearse, dixo, “no caudal que aporta cada un”, e por tanto, “Acuaes debe dispoñer de caudalímetros para ter o dato obxectivo”. “Dende o primeiro momento, dende que son alcalde, soliciteille a Acuaes a instalación de caudalímetros para ter datos reais do volume que aporta cada municipio á rede de colectores interceptores”, asegurou.
A falta destes dispositivos, e coa previsión de que a súa entrada en funcionamento aínda se demorará, o goberno local encargou un estudo externo sobre os custos que lle corresponderían a Ferrol. Desta análise técnica, aínda que non está concluída, xa se poden extraer unhas primeiras conclusións ás que apuntan os datos dispoñibles. Entre elas, que a proporción das cargas económicas que representan para Ferrol o mantemento e a explotación da rede de colectores interceptores debería reducirse arredor de dez puntos, para situarse en torno ao 60 %, “o que suporía unha gran minoración de custes”.
“Unha vez estea concluído o estudo, teremos un dato máis concreto”, dixo, para elevar ao pleno. Mato insistiu en que se trata de cifras provisionais, pero tamén en que, cunha rede “unitaria, non separativa”, non é xusto realizar unha estimación como a anterior, “en base a uns datos que son do padrón do ano 2015 de subministro de auga”, cando Ferrol aportaba nunha proporción 70-30 oito millóns de metros cúbicos, o que “non ten nada que ver co volume que se xestiona na depuración, que son aproximadamente 21 millóns de metros cúbicos”. Do mesmo xeito, “se nos fixamos no dato de poboación, por poñer un, tampouco se correspondería con ese 70- 30”.
Pagos “avaliados por informes técnicos”
O rexedor asegurou que Ferrol “quere pagar”, pero insistiu tamén en que o importe “debe estar avaliado polos informes técnicos correspondentes”. “Imos facer fronte ás contías fixas que tiñamos pendentes coa empresa Acuaes, que se corresponden coa construción dos colectores”, dixo, pero matizou que “en variables” o Concello vai “proceder ao pago de contías que se establezan en base a eses informes técnicos, sempre que o pleno así o acorde”, ao tempo que se lle vai formular unha proposta a Acuaes “para que a estude e poida discutir co Concello de Narón un novo acordo”.
Para Ángel Mato, é a fórmula axeitada en tanto non se poidan establecer parámetros “medibles”. Por iso, o Concello ofreceu encomendar a Emafesa que coloque os caudalímetros na parte ferrolá do sistema baixo a supervisión de Acuaes.
“O Concello de Ferrol está encantado de prestar o saneamento a Narón, da mesma maneira que o abastecemento, pero non pode repercutir máis custes aos seus veciños”, abundou. “Teño a obriga de defender un estudo detallado dos custes para que ningún usuario, tampouco de Narón, incorra en pagos maiores que os que lle corresponden”, destacou tamén o rexedor antes de incidir en que cada un dos dous concellos ten “datos de pluviometría distintos, tanques distintos… Por exemplo, a maior parte do volume na parte ferrolá recóllese por gravidade, e en Narón trasládase case toda por bombeo, e os custes eléctricos supoñen arredor dun trinta por cento”. “Trátase de aplicar o precepto de que o que contamina paga, e que cada concello faga as obras necesarias para mellorar o seu saneamento. Se o pago é fixo, non hai incentivo para mellorar as redes”, concluíu o alcalde ferrolán.
Críticas do BNG
O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que o alcalde está a eximir de responsabilidade tanto ao Ministerio de Fomento como a Xunta, «responsábles principais dun sistema de saneamento inasumible para a cidade», dixo Iván Rivas.
O BNG cree que o convenio con ACUAES debe retificarse desde tres perspectivas. A primeira, a que ten que ver co computo das porcentaxes de consumo, nas que Ferrol está moi lonxe de supoñer o 70% destas. A segunda é que os ferroláns non paguen o 25% dunhas obras que cando se asinou o convenio se limitaba ao 10% e que debería asumir integramnete o Estado por tratarse dunha obra declarada de interese xeral en 1997. E a terceira, ten que ver con que «o modelo de saneamento escollido incumpre todo o marco legal que existe ao redor dos sistemas de depuración, misturando augas pluviais e fecais e que supón uns custes medioambientais e económicos», explicaron os nacionalistas.
Cree Iván Rivas que a mellor maneira de resolver o conflicto con Narón é entregar a depuradora ao seu lexítimo propietario, Augas de Galicia, deixando de pagar o 100% da depuración. Deste modo Augas de Galicia emitirá unha factura a cada concello de maneira independente. A partir de ahí o concello de Ferrol decidirá aboar ou revisar esa factura pero cando menos pero deixaremos de pagar o 100% dos custes como acontece desde 2014.