O goberno de Ferrol levará ao pleno do luns as subvencións de Benestar Social e Igualdade

Os partidos votarán as propostas de axudas para 46 entidades por un importe que roza os 403.000 euros

O goberno local de Ferrol someterá mañá luns, 27 de abril, ao pleno da corporación a aprobación de subvencións nominativas do departamento de Benestar Social e de Igualdade para o exercicio económico de 2020 por un importe que roza os 403.000 euros. Un total de 357.400 euros destinaranse a 42 entidades da primeira área e 45.500 a catro asociacións da segunda.

Na area de Benestar Social son un total de 42 asociacións de Ferrol as que poderán beneficiarse destas axudas, das que dous faríano por primeira vez: Secretariado Xitano, con un importe de 3.000 euros polo labor que está a prestar coas persoas xitanas, especialmente en reforzo escolar, e Cruz Vermella, con 2.000 euros para un programa específico de detección e prevención de malos tratos ás persoas maiores.

Das 40 restantes, nove recibirían unha partida superior á do ano anterior e cinco unha inferior. No caso de Cáritas Diocesana, pasa de 35.000 a 50.000 euros; Asociación Dios y Pan, de 2.500 a 3.000; a Fundación Santo Hospital de Caridad —xestora do albergue Pardo de Atín—, que incrementa a súa axuda de 30.000 a 48.000 euros; a Fundación Adra pasa de 2.000 a 3.000 euros; Dignidad, de 3.000 a 8.000 e, por último, Arraigo, de 2.000 a 3.000 euros.

Tamén recibirán unha axuda maior Afal, que pasa de 5.000 a 6.000 euros para mellorar o seu programa de detección precoz e tratamento en fase inicial do alzheimer; Asfedro, que recibirá este ano 17.000 euros, 2.000 máis que o exercicio anterior, debido a súa colaboración co Concello na posta en marcha do programa “Educando no Lecer” para a prevención de drogodependencias, e, por último, Exalcohólicos de Ferrolterra, que pasa dos 8.000 aos 9.000 ante a necesidade de intensificar o traballo para tratar e combater ludopatías e o consumo de substancias na adolescencia.

En canto as catro entidades que poderían ver reducida a súa subvención está a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que pasaría de 12.500 euros a 2.000 debido á imposibilidade de levar a cabo este ano o seu principal programa, “Vacacións en Paz”.

Tamén a axuda municipal para o Banco de Alimentos Rías Altas redúcese, que pasa de 20.500 euros a 4.000 xa que, ao aboar o Concello o aluguer da nave onde presta servizo, xa non precisan dunha subvención tan elevada. A proposta para Érguete é de 1.500 e non de 4.000 como o ano pasado debido a que nos últimos exercicios a entidade non puido xustificar o importe total da axuda e o Fondo Galego de Desenvolvemento, cuxa cota págase en función do número de habitantes, pasa de 6.000 a 4.000 euros polo descenso da poboación.

Pola súa banda, a concellería de Igualdade propoñerá mañá outorgar subvencións a catro entidades que traballan pola igualdade. Almat, con 6.500 euros, e o Patronato Concepción Arenal, con 21.500 euros, manterían o importe do exercicio anterior. Pola súa banda, este ano incorpóranse á lista de subvencións nominativas Alvixe, con 2.500 euros, e o centro de día Oblatas O mencer, con 15.000. En total, 45.500 euros para “axudar e protexer a mulleres vítimas de violencia de xénero, que se atopan nunha situación de vulnerabilidade e en risco de exclusión”, indicaron dende a área de Igualdade.

Salir de la versión móvil