O Goberno central reiterou onte, igual que o fixera en novembro, que non vai construír un novo buque loxístico do tipo AOR nas factorías de Navantia Ferrol, un contrato demandado desde a parte social e que serviría para cubrir a falta de carga de traballo ata o inicio da fabricación das fragatas F-110. O Ministerio de Defensa deu resposta deste xeito a unha pregunta rexistrada polo Grupo Popular no Congreso dos Deputados o pasado 19 de febreiro.
A Administración central non contempla a construción deste buque no Obxectivo de Capacidade Militar (OCM) 2019-2024, dado que a vida últil dos dous navíos cos que conta na actualidade a Armada, o “Patiño” e o “Cantabria”, manterase ata esa data. Sen embargo, desde os sindicatos xa apuntaron meses atrás que o “Patiño” non conta co dobre casco que requiere a nova normativa europea e, ademáis, Navantia xa conta actualmente coa enxeñería necesaria para estes buques debido aos contratos dos dous AOR encargados por Australia.
Críticas do Partido Popular
A raíz desta resposta parlamentaria, o presidente do Partido Popular da Coruña, Diego Calvo, acusou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de “apuñalar por enésima vez” á comarca de Ferrolterra. “Os ferroláns non nos merecemos, e moito menos na complicada situación económica e social na que nos atopamos na actualidade, o trato que nos brindan os socialistas, uns malos tratos en toda regra a todo o noso sector económico”, afirmou Calvo.