O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolle este xoves 5 de marzo, ás 19.30 horas, a conferencia do Maxistrado do Tribunal Constitucional, Antonio Narváez Rodríguez, no marco da Cátedra Jorge Juan que dirixe a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción López Arranz. Ao longo da súa intervención, o xurista analizará o papel do Tribunal Constitucional como garante de todos os dereitos que se recollen na Constitución Española de 1978.
Antonio Narváez Rodríguez (Badaxoz, 1958) é Licenciado en Dereito pola Universidade de Extremadura. No ano 1982 ingresou na carreira fiscal como número un da 28ª promoción e, no seu primeiro destino, exerceu como avogado-fiscal na Audiencia Provincial de Córdoba. En 1987 foi nomeado Fiscal Xefe da Audiencia Provincial de Teruel. Xa en 2007, foi promovido á categoría de Fiscal de Sala do Tribunal Supremo e nomeado Fiscal de Sala – Xefe da Sección do Contencioso Administrativo deste mesmo tribunal. Permaneceu neste cargo ata o ano 2013 cando foi nomeado Tenente Fiscal do Tribunal Supremo. Un ano despois, en 2014, foi nomeado Maxistrado do Tribunal Constitucional.
Ten participado en diferentes proxectos de cooperación xudicial internacional como consultor técnico de Nacións Unidas e da Unión Europea. Ademais, foi profesor do Centro de Estudos Xurídicos e tamén poñente na Escola Xudicial nos cursos de Formación de Xuíces no seminario de criminalística, máis concretamente na especialidade de técnicas de investigación de probas biolóxicas de ADN.
Discussion about this post