A sala Carlos III do Museo da Construción Naval acollerá desde mañá e ata o 27 de abril a exposición “A botadura. O nacemento dun buque”, un compendio de 17 paneis explicativos que recollen o proceso da botadura e a súa evolución histórica e que se completan cunha serie de obxectos que protagonizan estas cerimonias. Entre eles destaca o machada empregada na segunda botadura dun acoirazado realizada en Ferrol, a do “Alfonso XIII”, que foi tallada en ouro e prata polo prestixioso escultor Mariano Benlliure.
Tamén se mostran o mazo e a trencha que se utilizan hoxe en día en Navantia, xunto con material relacionado coa botadura do “Arteaga”, que constituíu todo un fito porque foi no seu momento o maior buque botado en bancada inclinada.
A exposición está organizada polo propio museo -que xestiona a Fundación Exponav- e conta tamén con material cedido por Navantia e pola biblioteca do Arsenal. Na mesma explícanse de forma alcanzable a tecnoloxía, a cerimonia -a madriña, a tribuna, a botella que rompe contra o casco do barco- e a repercusión que estes actos teñen nunha cidade como Ferrol.
A inauguración está prevista para as 19.30 horas e consistirá nunha conferencia-presentación a cargo do enxeñeiro naval José María de Juan-García Augado. O horario de visita é de martes a domingo, de 10.00 a 20.00 horas.