Con motivo da conmemoración do vindeiro día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, o Museo de Historia Natural organiza diferentes actividades que celebrará maiormente o venres 10 de xuño.
Entre outras cousas, os eventos consistirán na inauguración nas súas dependencias de dúas exposicións de carácter temporal. A primeira delas, titulada Preciosidades xeolóxicas, consiste nunha exposición de pedras semipreciosas que deron lugar a esferas pulidas e pezas labradas dun alto valor ornamental. Este material procede da colección de Amador Pereira, que tivo a ben doar a súa colección de minerais ao museo no ano 2018.
Esta exposición estará situada na sala de lectura do Museo de Historia Natural ata o 23 de decembro.
A outra exposición, que leva como título Amigos da noite e versa sobre morcegos, consiste nunha mostra composta por oito carteis que estarán ao acceso do público ata o 31 de xullo no corredor principal no andar baixo do edificio situado en Canido.
Con respecto ás actividades consistentes en visitas guiadas polo persoal do museo, a entidade ofrecerá dúas quendas de visitas guiadas aos almacéns, salas de preparación e xardín do MHN. Estas serán na tarde do venres 10, en dúas quendas de visita (ás 17:00 e ás 19:00 h), para un máximo de 10 persoas por quenda. A inscrición nesta actividade concreta será a través dun cuestionario Google difundido nas redes sociais da SGHN.
Ao mesmo tempo e como vén sendo costume, o Museo de Historia Natural ofrece visitas guiadas á súa sala expositiva permanente. Neste caso estas serán nas tardes do martes 7, mércores 8 e xoves 9, de 18:00 a 19:00. Como medida excepcional e ao contrario de como se vén facendo habitualmente, para estas últimas non será precisa a inscrición previa, e abondará con presentarse no museo uns minutos antes das 18:00. O tope máximo previsto para estas visitas de grupo na sala será de 20 persoas.
A SGHN lembra que as actividades que organiza o Museo de Historia Natural son gratuítas, por estar patrocinadas pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol.