O patrulleiro de altura da Armada “Arnomendi” partirá o vindeiro venres 5 de xuño desde a súa base na Estación Naval da Graña, para desenvolver a campaña de vixilancia e inspección na área de regulación da Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroccidental (NAFO) en augas próximas a Canadá.
Trátase dunha campaña enmarcada nun Plan de Despregamento Conxunto na que o “ Arnomendi” formará parte como buque de inspección da Unión Europea (UE). A súa misión principal é efectuar o control específico da pesca das especies reguladas con obxecto de garantir a conservación e óptima utilización dos recursos pesqueiros desta área de conservación.
A participación do “ Arnomendi” na campaña de NAFO será de corenta e seis días, estando previsto realizar unha escala a metade de misión no Porto de St. John´s (Canadá) e regresar ao seu porto base en Ferrol o día 20 de xullo.