O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao celebrou esta mañá a primeira reunión telemática da súa historia. Nela aprobou o proxecto de rehabilitación da antiga Comandancia Naval, así como as prescricións e cláusulas que rexerán a contratación da obra e o seu desenvolvemento. Esta actuación contribuirá a poñer en valor a fachada marítima da cidade, xunto con outras dúas que se atopan en trámites: a recuperación do vello edificio de Aduanas e a desafectación da Casa do Mar para que poida funcionar con usos turísticos.
Tras o paso dado hoxe, os traballos na antiga Comandancia Naval licitaranse formalmente xa nas próximas semanas. Construído en 1931, o inmoble integrarase coa actual sede da Autoridade Portuaria, dando así lugar a un único edificio con dous bloques que quedarán conectados polas súas plantas baixas e unidos polos dous semisótanos. Solucionaranse desta maneira os problemas de espazo que ata a data impediron dar resposta óptima ás necesidades do persoal e usos que foron xurdindo co paso dos anos.
Entre outras intervencións, o proxecto de rehabilitación da Comandancia inclúe o baleirado do seu interior para executar unha nova estrutura, a mellora da accesibilidade, o cambio de carpinterías, o embelecemento da fachada, a escavación no soto para sanear soleiras e eliminar humidades, a substitución da cuberta de fibrocemento por unha acabada en zinc e a eliminación de volumes impropios encostados ao inmoble, como os da parte posterior e o situado sobre a lanterna. “O corpo volverá ao seu estado orixinal, moito máis coherente e proporcionado”, recolle o prego de prescricións técnicas.
O contrato sairá a concurso público cun orzamento máximo de 1.580.317,43 euros máis IVE e un prazo tope de execución de 21 meses. Inscríbese no plan de investimentos da Autoridade Portuaria e conta co aval de Portos do Estado e informe favorable da Avogacía do Estado.