O PP de Ferrol pide aos empresarios da comarca que aposten pola “experiencia de Feijóo”

Rey Varela acusou ao goberno socialista de non ter iniciado o programa das F-110 e de "poñer data" ao peche de Endesa en As Pontes

Os candidatos ferroláns Diego Calvo e José Manuel Rey Varela acompañados do número dous do PPdeG pola provincia de Lugo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuníronse esta tarde con emprendedores da comarca.  Durante o encontro Rey Varela lamentou que o Goberno central siga “castigando a comarca de Ferrol coas súas decisións como non ter comezado o programa das F-110, non construir o AOR, paralizar o estaleiro 4.0 ou poñer data ao peche das Pontes”.

O líder dos populares ferroláns explicou que o seu partido poñerá en marcha o Plan de reactivación económica que implica medidas de liquidez, capitalización, dixitalización e formación, así como medidas de redución dos custos da implantación empresarial.

Neste senso, recordou que a Xunta vai impulsar a creación dos primeiros cinco centros de fabricación avanzada, entre os que inclúe o que poñerá en marcha o Grupo Intaf en Narón para tratamentos térmicos do aceiro. Prestará servizos para o procesamento deste material grazas a tecnoloxías que neste momento non están dispoñibles nin en Galicia nin en España, permitindo tratar pezas de dimensións superiores ás que se poden manexar nas instalacións operativas na actualidade. “Esta infraestrutura facilitará que se realicen en Galicia máis traballos de elaboración do aceiro, como na reparación de buques, abrindo novas posibilidades no mercado laboral”, avanzou Rey Varela.

Tamén lembrou que en As Pontes se poñerá en marcha unha oficina industrial que axude a mellorar a competitividade das empresas xa asentadas e para atraer novos proxectos empresariais á comarca. Estas medidas, recalcou Rey Varela, “son un exemplo de que cun goberno con experiencia, como o de Feijóo, unido e responsable Galicia e Ferrol sairán adiante”.

Salir de la versión móvil