O Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol acolle desde hoxe a exposición “Ucraína, a guerra dos civís” de Luís de Vega. Unha mostra que está percorrendo numerosas cidades de España e que compila decenas de fotografías que retratan a cara máis humana das desoladoras consecuencias da invasión rusa en Ucraína. A exposición foi inaugurada esta mañá polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o tenente alcalde de Ferrol, Rafael Fernández Beceiro, o director xeral da Fundación Anastasio de Gracia, Pedro L. Hojas Cancho, e o comisario da mostra, Miguel Sánchez-Moñita.
Formoso apuntou a importancia do relato xornalístico de Vega como fonte esencial e veraz “do drama humano” que está a vivir a poboación civil ucraína. “Luís de Vega achéganos á dura realidade desta guerra, a situación real do que moitas persoas están a vivir en Ucraína”, afirmou. “Mostras como esta lémbrannos que a paz é un valor a protexer, que non está garantido, que hai que defender cada día”, afirmou Formoso, que sostivo que o obxectivo da Deputación “é sensibilizar á sociedade da terrible realidade que se vive ás portas de Europa”.
“Dramas con nomes e apelidos”, segundo explicou o comisario da mostra, que nos achegan a difícil realidade que atravesa a poboación civil tras a invasión rusa e que emocionan ao espectador. Pedro Luis Hojas Cancho, director xeral da Fundación Anastasio de Gracia, afirmou que «el drama y el dolor de una guerra que no tiene ningún sentido» e lembrou os 14 millones de desprazados, a metade deles menores, que tiveron que abandonar o seu país e os miles de mortos que causou xa o conflito.
O reporteiro Luís de Vega cubriu a invasión rusa de Ucraína desde o seu inicio como redactor e fotógrafo do diario El País. Aterrou en Kiev na tarde do 23 de febreiro, poucas horas antes de que o Vladimir Putin ordenase ás súas tropas ocupar o país veciño. A súa presenza no lugar permitiulle constatar o que sinala a Comisión Independente que analiza o conflito sobre o terreo e que segundo un informe presentado en outubro ante a Asemblea Xeral da ONU: «documentou pautas de execucións sumarias, confinamento ilegal, tortura, malos tratos, violacións e outros actos de violencia sexual cometidos en zonas ocupadas polas forzas armadas rusas nas catro rexións onde levou a cabo a investigación (Kiev, Chernihiv, Kharkiv e Sumy) nas primeiras semanas da invasión»
Desde entón, uns 14 dos 40 millóns de ucraínos tiveron que abandonar a súa casa, e case oito saíron do país, a maioría con destino a outros lugares de Europa. Outros sete millóns son desprazados internos e máis da metade dos 7,5 millóns de nenos de Ucraína víronse expulsados pola guerra, segundo Unicef.
A cifra de civís mortos ascende a un total de 6.306 ata o mes de outubro, segundo datos de Nacións Unidas, deles, 397 son menores. O Banco Mundial estima que ao longo de 2022 a economía do país vaise contraer ata un 45%. O Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento tiña calculado que, de se alongar a guerra ata finais de 2022, como finalmente aconteceu, poderían perderse 18 anos de progreso socioeconómico en Ucraína.