A Consellería de Infraestruturas e Movilidad acaba de autorizar a implantación dun novo servizo do transporte metropolitano en Ferrol, para unir este verán o centro da cidade cos areais de San Xurxo e Doniños. Os novos servizos de autobuses ás praias comezarán a funcionar o día 1 de xullo e operarán durante os meses de xullo e agosto.
A nova liña de autobuses ás praias realizará paradas no campus universitario de Esteiro, praza de Galicia e o Porto, para logo dirixirse ás praias de San Xurxo e Doniños.
A liña de autobús, con saída do campus universitario de Esteiro, realizará o servizo todos os días, con saídas ás 15:00 h, ás 16:00 h, ás 18:30 h e ás 19:30 horas. Ademais, na fin de semana, existirá un servizo especial cara ás praias ás 12:00 e ás 17:00 horas.
As saídas desde Doniños serán tamén diarias, ás 15:30 horas, ás 16:30, ás 19:00 e ás 20:00 horas, cun servizo especial en sábados e domingos ás 12:30 e ás 18:00 horas.
O prezo de tarifa do billete é de 1,55 euros, que se reduce ata os 0,88 euros para os usuarios da tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia (TMG). Ademais, os menores de 21 anos poderán viaxar de maneira gratuíta coa tarxeta Xente Nova da Xunta.
Esta nova prestación forma parte das melloras introducidas no contrato do Plan de Transporte Público de Galicia da Xunta, posto en marcha o pasado 1 de xaneiro e que desenvolve a unión temporal de empresas Ferrolbus-Alsa.