O Concello de Ferrol iniciou a mediados de maio o reparto de equipos de protección individual (EPI) entre os comerciantes da cidade. En colaboración coas asociacións que aglutinan aos negocios deste sector e entidades veciñais, o goberno local está a facer chegar as máscaras protectoras aos propietarios dos establecementos a través da concellería de Seguridade.
Na tarde de onte, Julián Reina, concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, entregou outras 1.900 máscaras protectoras á asociación de veciños de Caranza, que se repartirán entre os negocios do barrio. Xa no mes de maio recibíronas os comerciantes de Ultramar Village e do Centro Comercial Aberto Ferrol A Magdalena.