Ferrol quérese convertir nun lugar amigable coa xente maior e por iso o goberno local ven apostando por programas de inclusión social e cultural para os veciños de máis idade. O último deles foi presentado hoxe baixo o nome de ‘Ferrolearte+60’, unha iniciativa que inclúe máis dunha vintena de propostas entre febreiro e xuño. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, xunto co alcalde, Ángel Mato, deu a coñecer os detalles da iniciativa esta mañá.
‘Ferrolearte+60’ propón para os maiores de 60 anos de Ferrol participar nun programa que combina cultura, o entretemento e a formación para maiores “nun ambicioso plan”, apuntou o alcalde, que pretende “contribuír á mellora da calidade de vida e benestar dos nosos maiores”. Haberá visitas guiadas, charlas-coloquio, cinefórum, cafés literarios, showcookings, obradoiros dixitais e de creación artística e un monólogo en diferentes espazos repartidos por varios barrios da cidade. Pola súa banda, Martínez Montero indicou que “existe unha demanda por parte de persoas maiores que teñen ganas de participar en iniciativas deste tipo, vencelladas coa cultura, o ocio ou a actividade física”.
- 23 de febreiro. Café literario na cafetaría Monterrey do barrio de Ultramar. Ás 19.30 horas.
- 25 de febreiro. Visita guiada ao Teatro Jofre. Ás 12.00 horas.
- 28 de febreiro. Conferencia de Pilar Freire sobre o Modernismo e Rodolfo Ucha. No Centro de Maiores da rúa Río Xuvia ás 19.00 horas.
- 4 de marzo. Visita guiada á Capitanía Xeral. Ás 11.00 horas.
- 10 de marzo. Conferencia de Man Castro sobre Ángeles Alvariño. No centro cívico de Canido ás 19.30 horas.
- 16 de marzo. Obradoiro de fotografía con móbil. Local da Asociación de Veciños Val de Esmelle. Ás 17.00 horas.
- 18 de marzo. Showcooking. Mercado A Magdalena. Ás 12.00 horas.
- 25 de marzo. Cinefórum ‘GreenBook’, con coloquio posterior coa participación de Pilar Freire. Cines Dúplex. Ás 12.00 horas.
- 28 de marzo. Café literario no café Avenida da praza de España. Hora por definir.
- 1 de abril. Ruta Cofrade, guiada polo presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol, César Carreño. Ás 11.00 horas.
- 13 de abril. Obradoiro Fake-News. Centro cívico de Caranza. Ás 17.00 horas.
- 15 de abril. Visita guiada á Cociña Económica. Ás 11.00 horas.
- 20 de abril. Charla coloquio de Jorge Mira: “A que altura está o ceo”. Centro cívico de Caranza. Ás 19.00 horas.
- 25 de abril. Café literario no barrio de Esteiro.
- 28 de abril. Visita guiada ao Porto exterior. Saída en autobús desde o edificio da Autoridade Portuaria ás 11.30 horas.
- 4 de maio. Obradoiro sobre competencias dixitais básicas. Biblioteca municipal. Ás 17.00 horas.
- 10 de maio. Monólogo “A segunda idade e media”, con Pepo Suevos. No centro cívico de Caranza. Ás 20.00 horas.
- 13 de maio. Percorrido polas placas e estatuas do centro de Ferrol. Ás 11.00 horas.
- 16 de maio. Charla-coloquio sobre o patrimonio ferrolán perdido, a cargo de Pilar Freire. Na capela do Torrente Ballester 19.30 horas.
- 26 de maio. Showcooking. Mercado A Magdalena. Ás 12.00 horas.
- 27 de maio. Cinefórum ‘La odisea de los giles’, con coloquio posterior coa participación de Pilar Freire. Cines Dúplex. Ás 12.00 horas.
- 30 de maio. Café literario no barrio de Ferrol Vello. 1 de xuño. Taller de creación artística. No centro cívico de Canido. Ás 17.00 horas.
- 10 de xuño. Visita guiada ao Cuartel de Dolores. 15 de xuño. Charla-coloquio de Man Castro sobre Ferrol nos anos 70 e 80. No centro cívico de Caranza ás 19.30 horas.
Nas actividades poderán participar todas as persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ferrol. Compre preinscrición para todas elas e, para algunhas, tamén estarán limitadas as prazas. O número de teléfono ao que haberá que confirmar asistencia será o 631 683 070 (de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas).
Non se aceptarán mensaxes nin WhatsApp. A inscrición poderá realizarase exclusivamente para as actividades de cada mes e quedará aberto mañá venres para as de febreiro. Pola súa banda, o día 27 de febreiro abrirase o prazo para as de marzo e a continuación cada día 27 de mes abrirase o prazo para anotarse ás actividades do seguinte mes.