Os neumólogos do CHUF advirten do risco de contaxio de Covid por fumar nas terrazas

A exhalación do fume do tabaco pode favorecer a transmisión do coronavirus, explican os expertos

O Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, advertiu onte, no Día Mundial sen Tabaco, dos riscos engadidos do tabaquismo neste contexto de crise sanitaria pola Covid-19. Neste período, explican os especialistas, hai que ter especialmente en conta dúas cuestións: a primeira, que estudos xa constatan “que os pacientes enfermos pola Covid-19 fumadores teñen estado máis graves”. A segunda das cuestións é que, en xeral, hai que evitar sempre o consumo de tabaco pero, neste período en particular, aínda moito máis. Concretamente, débese evitar fumar nas terrazas, xa que a “exhalación do fume do tabaco pode favorecer a transmisión do coronavirus”, afirma Carmen Diego Roza, a responsable deste Servizo.

Por outra banda, o lema do Día Mundial neste ano refírese a protexer ós máis novos da manipulación da industria e evitar que consuman nicotina. Neste senso, a responsable de Pneumoloxía do CHUF alerta sobre o perigo do “vapeo”, xa que moita xente nova se inclina cara esta modalidade de consumo que ten igualmente substancias nocivas e aditivas.

O tabaquismo considérase unha enfermidade crónica de carácter aditivo; é a causa de mortalidade que máis se pode previr no mundo occidental; e, tamén a causa da morte prematura de ata a metade de quen o consume, fundamentalmente por enfermidades respiratorias, cardiovasculares ou diversos cancros.

A Área Sanitaria de Ferrol, conta cun Comité de Prevención do Tabaquismo que traballou nunha vía rápida para o abandono do tabaco materializada na Guía de Atención ó Tabaquismo para facilitar ós profesionais os recursos e circuítos asistenciais necesarios para potenciar o abandono do hábito tabáquico. Esta guía foi acordada neste comité multidisciplinar, que inclúe tanto ó persoal sanitario, facultativo e de Enfermaría, como administrativo; e tanto dos centros de saúde como do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. De feito, estaba a ser presentada por membros do Comité nos distintos centros de saúde da Área antes do freo da actividade ordinaria por mor do coronavirus.

No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, existe ademais unha consulta específica sobre tabaquismo na que se ven os casos máis extremos de persoas que queren deixar de fumar e xa o intentaron por outras vías. Esta consulta está protocolizada, e nela prodúcense unha media de 250 consultas anuais.

Entre outras cuestións, nesta consulta específica realízase a medición da tensión arterial, peso, a espirometría, e a cooximetría, xunto coa historia clínica específica relacionada co tabaquismo con cuestionarios específicos, materiais de autoaxuda, ou protocolos clínicos de intervención. A consulta está atendida por un especialista en Pneumoloxía experto en tabaquismo e unha profesional de Enfermaría.

Salir de la versión móvil