Os traballadores do Cardona continúan coas protestas e esperan máis recortes da xerencia do hospital

O comité non irá finalmente á folga prevista para mañá, tras ser rexeitada por solicitala fora de prazo

Os traballadores sanitarios do Hospital Juan Cardona retomaron hoxe as protestas no hall e nas oficinas do centro para rexeitar os recortes salariais que lles anunciou a xerencia polos pluses de de gratificación de nivel e asistencia, que ascenden a uns 200 euros mensuais. O persoal reivindica ante o Servizo Galego de Saúde e a xerencia do centro, concertado, que se manteñan as condicións laborais previas á pandemia e que non se aplique a redución anunciada.

A intención do comité de empresa era iniciar unha folga mañá xoves día 9, pero a petición foi rexeitada por facela fora de prazo, polo que tanto hoxe o como mañá realizarán concentracións nas portas do hospital. Os representantes laborais lembraron “as duras condicións impostas pola pandemia” e a situación de “precariedade” con que as tiveron que enfrontalas. “A iso hai que sumarlle as diferenzas salariais que sofrimos respecto aos compañeiros da sanidade pública, fondamente inxustas”, remarcan desde o comité.

Desde a xerencia do Juan Cardona explicaron que a situación económica é “delicada”, pero aseguraron que entre as medidas previstas non figura a extinción ou suspensión de ningún contrato de traballo nin a nivel individual nin colectivo. “Non se exporá unha diminución nos importes netos que perciben actualmente os traballadores nas súas nóminas, salvo posibles eliminacións de horas extraordinarias que puidesen resultar innecesarias ou salvo certas variables por determinados actos médicos”, asegura a xenencia do centro na carta.

Por último, as medidas afectarán tamén a provedores asistenciais e non asistenciais, cos que se negociará a baixa do seu contrato cando o centro entenda que nos seus honorarios ou facturas existe marxe razoable para iso.

Salir de la versión móvil