Posta a punto das praias de Ferrol de cara o inicio da tempada de verán

O Concello investirá algo máis de 13.000 euros en pequenos arranxos nos accesos, casetas, aseos e varandas de protección

A concellería de Medio Ambiente de Ferrol levará a cabo nos próximos días unha serie de labores de reparación e mantemento nas praias ferrolás para poñelas a punto de cara á tempada estival. Na maior parte dos casos, trátase de “solucionar danos causados tanto polos temporais como por actos vandálicos”, segundo explicou a concelleira Ana Lamas, quen asegurou que a súa intención é que os areais estean en perfecto estado a partir da segunda metade deste mes, cando se abrirá a tempada de verán, co inicio do servizo de salvamento.

O prazo de execución destes traballos, que terán un custe de 13.176 euros é de tres semanas. Na praia de Caranza vanse repoñer as táboas de protección da varanda e os tubos de aceiro de parte da estrutura. En Santa Comba será substituido o pasamáns no acceso á ermida e tamén se repararán as táboas soltas e no propio areal vanse repoñer os postes de protección da varanda de madeira e algunhas táboas no último tramo da rampla de acceso.

No area do Preixal (O Vilar) vanse repoñer os puntais e táboas de protección da varanda, repararase o tramo de acceso á praia e tamén as táboas do pasamáns e de protección da varanda. Xusto ao lado, na praia de A Fragata vaise substituir a porta metálica da terraza da caseta, repoñeranse as táboas do chan, do retrete e de dous tiradores de portas. En Esmelle os traballos consistirán na repación das portas dos aseos, dunha fuga da auga na sala de mantemento, a substitución do tirador da porta, a reposición dunha billa no aseo de homes e a substitución da tapa do retrete de mulleres. Tamén vanse cambiar as madeiras de protección da varanda, as táboas do chan e pezas cilíndricas da varanda.

Ao outro lado do areal, en San Xurxo vaise repoñer parte da varanda de protección na ponte sobre o río e cambiarase un dos mastros das bandeiras. En Penencia únicamente vaise cambiar a pechadura da porta da caseta e en Doniños levarase a cabo a reposición de táboas do pasamáns, de táboas de protección da varanda e de táboas do chan. Ademais da substitución do tirador da porta do aseo de homes e de tapas de retrete no de mulleres, o cambio da pechadura do aseo de minusválidos e reparación da ducha e lavapés na zona superior.

Na pequena cala de San Felipe vanse sustituir algunas táboas no acceso e na Graña vaise reparar a ducha. A maiores, o contrato inclúe a reparación de catro duchas portátiles, así coma a súa montaxe e desmontaxe; o amaño de oito aseos portátiles, nos que é necesario arranxar as cubertas, cambiar os pontóns do chan e os apoios e lixar e vernizar; e, por último a reparación dunha caseta de salvamento que neste momento se atopa tamén nos almacéns municipais e na que se deben cambiar as táboas da tarima deterioradas.

Salir de la versión móvil